Custodia do territorio (II): cando a música protexe á paisaxe e as redes dan a volta á pirámide

Hai entidades que custodian comarcas e outras que buscan custodias. Todas buscan demostrar á sociedade e á Administración que a conservación e a restauración da natureza, lonxe de ser imposible, é factible.

Por Alicia Casas | Compostela | 28/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando Rudi Esteban e Sandra Goded buscaban fórmulas para protexer o bosque autóctono e eliminar especies invasoras nas Antas do Ulla, procuraban tamén fórmulas para que conviviran as súas dúas grandes paixóns: a natureza e a música. Rudi Esteban acababa de rematar os seus estudos musicais en Rotterdam e sempre quixera tocar no rural galego. En Holanda tivera un mestre que organizaba un festival de cámara en Amsterdam con moita fama en Europa. Derivada del, Rudi Esteban tivo unha idea que o seu mestre apoiou. No 2007 celebraron o primeiro Festiulloa, un festival de música de cámara que leva 13 anos desfrutando a comarca da Ulloa e ao que acode xente de toda España.

FESTIULLOA, festival de música de cámara organizado pola asociación ecolóxico-cultural Quercus Sonora
FESTIULLOA, festival de música de cámara organizado pola asociación ecolóxico-cultural Quercus Sonora

Músicos de toda Europa e tamén de Norteamérica e Suramérica aceptan a invitación e, malia que non cobran, desfrutan dunhas vacacións e dun "repertorio marabilloso, que é o máis nos gusta e non podemos tocar na nosa vida profesional como músicos", conta Rudi Esteban. Tampouco o público paga entrada, donan a vontade, e aínda que a idea era que Quercus Sonora e o Festiulloa se nutriran unha da outra "a asociación non se nutre moito do festival porque os cartos que sacamos van case todos destinados a poder realizalo o ano seguinte".

O que si, serve como plataforma para a captación de socios. Segundo explica, só o primeiro ano obtiveron axudas públicas grazas á financiación do Xacobeo, despois diso xa non houbo. Agora están a buscar patrocinadores para facer unha pequena tempada de música de cámara por todo o Estado que serviría para a captación de socios, e para poder realizala, ao ser máis tempo, precisan de cartos para pagar aos músicos.

O principal labor de Quercus (carballo) Sonora é a protección do bosque autóctono atlántico e, na medida do posible, a eliminación das especies exóticas, sobre todo o eucalipto. A bióloga Sandra Goded, de feito, comparou na súa tese doutoral a biodiversidade que albergan os bosques autóctonos coa que existe nas plantacións exóticas centrándose nos eucaliptais. Rudi Esteban comenta que "o eucalipto só é unha cousa, pero é o reflexo de moitas" e advirte que "está máis que demostrado que non contribúe á dinamización do rural senón ao seu abandono". Quercus Sonora custodia na actualidade oito hectáreas e media, das cales unhas seis son mercadas e as restantes están baixo outro tipo de acordos. Organizan charlas para a educación ambiental a través da Policía Autonómica e actividades de limpeza de río e de limpeza do bosque "ás cales os nenos veñen fascinados porque cren en todo".

De natureza diferente, pois non está constituída como asociación, Fragas do Mandeo recibe tamén o groso do seu financiamento de doazóns privadas e conta con asociacións colaboradoras que cada ano achegan unha cifra. Os ingresos que tiveron de axudas públicas non alcanza o 30%. Fernando Bandín destaca que todos os cartos que reciben destínanse á compra de parcelas e o traballo realízase con voluntariado.Que o esorzo vén dos doadores, que aportan diñeiro, pero que hai voluntarios que fan un esforzo grande que ten un valor económico. "Buscamos que as comunidades locais se impliquen na conservación do patrimonio natural da súa comarca. Os nosos voluntarios, que traballan na nosa bisbarra, coñecen cada vez mellor estes espazos e implícanse emocionalmente porque traballaron neles", di.

Se cadra por ser as Fragas do Mandeo de ámbito comarcal e ter unha orientación distinta á Asociación Galega de Custodia do Territorio, cambia tamén a percepción da crecente ou non sensibilidade cara ao seu labor. Roberto Hermida, presidente da AGCT, fala de que hai proxectos "vistosos" coma a recuperación de charcas e outros que son "menos vistosos" e que denomina "subterráneos".

Lembra cando hai uns anos traballaron cos propietarios do monte de varas de Piornedo na elaboración dun plan de xestión do monte enfocado dende a conservación e non dende o rendemento económico: "en Ancares está a idea de que se opoñen á conservación e nós vimos que non é así, moitas veces está a sensibilidade na xente e o que precisan é un pouco de acompañamento para levar as cousas adiante". Roberto Hermida opina que agora as sensibilidades están comezando a mudar e moitas comunidades de montes están rescindindo os convenios coa Xunta "porque non queren seguir por ese camiño e buscan un menos produtivo e máis de conservación ou desfrute".

A realidade que observan dende Fragas do Mandeo, di Fernando Bandín, é ben distinta. Asegura que na Coruña, a pesares de ser a provincia que menos monte veciñal ten de toda Galicia, teñen atopado que "os poucos que hai teñen ás veces teñen moitos problemas, ben porque non teñen constituída a mancomunidade ou non hai xunta directiva, ou ben porque están en mans de cazadores que non ven ben aos ecoloxistas". O presidente de Fragas do Mandeo non cre que os montes veciñais con sensibilidade cheguen ao 1% do total, que son máis de 3.000 en Galicia. "Eu non coñezo a 30 montes veciñais que teñan sensibilidade ambiental", zanxa.

A Asociación Galega de Custodia do Territorio, con todo, cita entre as dificultades que xorden de propostas como a conservación de prados húmidos ou a plantación de frondosas e outras especies autóctonas, atopar dinámicas "moi fortes" como a intensificación agraria ou a plantación de eucaliptos. Un dos proxectos da AGCT é o Observatorio de Especies Exóticas Invasoras na Terra Chá, ao que accederon por medio da convocatoria polo Cambio Climático da Fundación Biodiversidade. Eliminaron mimosas e outras especies de varias localidades e crearon unha ferramenta online para que calquera que atope especies invasoras as poida rexistrar. "Non son un problema gravísimo na Terra Chá como noutras comarcas máis costeiras, pero precisamente por iso nos parece interesante afrontar o problema dende o inicio" di Roberto Hermida.

Fernando Bandín explica que nas Mariñas hai 22 especies de árbores autóctonas da comarca. Desas 22, teñen 13 no seu vivieiro e o ano que vén agardan chegar ás 16. Todo ese pór en práctica, ese saber como reproducir todas esas especies ou saber como eliminar invasoras nunhas condicións determinadas, disque se transmite e xera redes. "Chamáronnos dunha reserva natural de Francia para preguntar como estabamos a eliminar a crocosmia e aínda este ano chamou a Red Cambera de Cantabria para preguntar o mesmo", recorda.

Rudi Esteban lembra tamén unha rede ao pensar en que hai semanas uns socios compraron  parcelas que cederon a Quercus Sonora. Aconteceu outra vez hai dous anos, cando logo de asistir Sandra Goded á Cumbre do Clima en Madrid para expor o traballo que realizaban, a Fundación Enrique Montoliu Fundem comprou uns terreos na Ulloa para que os xestionara Quercus Sonora durante 30 anos. Buscar custodias ao longo do territorio como forma de custodia. Rudi Esteban di: "Facer unha especie de National Trust é algo que levamos moito tempo soñando facer, pero eles son moito máis grandes e puidérono facer...Se cada persoa crera en construír algo así, sobre todo dende o medioambiente pero non exclusivamente, iso sería marabilloso".

Fernando Bandín di que dende Fragas do Mandeo avanzan aos poucos. Pero que o traballo que realizan lles permite coñecer mellor o territorio, os problemas ecolóxicos e como abordalos. E "sobre todo demostrarlle á Administración, aos poderes políticos e á sociedade, que o que din que é imposible para nada o é. Eliminar os eucaliptos dunha maneira ecolóxica é factible, eliminar moitas invasoras é factible, manter limpos os ríos recollendo o lixo é factible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta