Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 25/10/2021 | Actualizada ás 10:23
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ampliará este luns, 25 de outubro, a vacinación antigripal a persoas de 65 ou máis anos de idade e usuarios e traballadores de residencias de maiores e discapacidade, tras arrincar o día 18 co persoal sanitario.
Deste xeito, avanza a campaña de vacinación secuencial contra a gripe en Galicia, para a que o Sergas contará con 885.800 doses, que supoñen 20.500 máis que o ano pasado, cun investimento de 5.259.157 euros.
Posteriormente, o día 15 de novembro estenderase a vacinación antigripal a poboación de 60 a 65 anos, así como aos menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas, prematuros (de seis meses a dous anos), persoal de servizos esenciais, persoal por exposición laboral como traballadores de granxas avícolas e porcinas, e persoal de oficinas de farmacia.
O 29 de novembro o Sergas incorporará á vacinación antigripal, que se estenderá ata o 31 de decembro, ao resto da poboación diana, así como os convivientes de persoas de risco.
Nesta campaña 2021 por unha banda administrarase a vacina trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; outra de alta carga tetravalente para maiores de 60 institucionalizados en residencias, porque xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión; e finalmente disporase a tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación empeza a partir do seis meses.
Para vacinarse, Sanidade habilita 900 puntos de vacinación distribuídos en centros de Atención Primaria e Hospitalaria do Sergas, así como centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, centros penais, centros de menores e discapacitados, entre outras instalacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.