Doan case 80 toneladas de produtos para apoiar ás protectoras de animais en Galicia

A campaña, organizada con Gadis, pecha con éxito tras multiplicar os resultados de anos anteriores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Outra campaña de doazón para animais que pecha con éxito. Así o vén de apuntar a cadea de supermeracados Gadis a respecto da proposta solidaria “Alimenta a amizade”, que vén de rematar cunha recadación satisfactoria no tocante a alimentos e artigos de hixiene para apoiar a máis de 60 protectoras de animais de Galicia e Castela e León.

Can da protectora 'Tú eres nuestra ayuda'
Can da protectora 'Tú eres nuestra ayuda' | Fonte: © Miguel Núñez

"Os clientes", apuntan dende a empresa, "doaron 79.797 quilos de produtos e 1.960 € en metálico, aos que a compañía quixo sumar 16.000 euros para unha maior eficacia e coa fin de que estas entidades poidan adquirir artigos que se adapten ás súas necesidades reais no momento no que así o precisen", detallan.

Por iso a cadea resalta a "gran xenerosidade" dos clientes e a súa "sensibilidade" pola situación que atravesan as entidades que atenden de forma altruísta aos animais abandonados, tanto a cans como a gatos; que en España se cifran ao redor de 300.000 anuais. Esta "solidariedade" reflíctese nun aumento de cifras dos 29.579 quilos do ano pasado aos 79.797 desta terceira campaña “Alimenta a amizade”, que se levou a cabo en 195 puntos de venda de ambas as comunidades autónomas.

“Estes resultados poñen de manifesto, unha vez máis, a xenerosidade dos nosos clientes. Queremos agradecerlles publicamente o seu apoio, así como a todos os voluntarios que, desde o 1 ata o 10 de outubro, se achegaron aos supermercados nos que desenvolvemos esta campaña para colaborar,  cumprindo sempre todas as medidas de seguridade pertinentes que adoptamos”, apunta Antonio Cortés Lobato, director de Responsabilidade Social Corporativa, quen tamén destaca a implicación do equipo humano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta