O PP rexeita mocións sobre acceso a vivenda pública e protección de patrimonio cultural

Os populares din que xa fomentan o acceso a vivenda e negan ser "depredadores da cultura".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O PP rexeitou o tres mocións presentada pola oposición no pleno deste martes do Parlamento galego, as cales demandaban o impulso á vivenda pública, a protección de patrimonio cultural, á vez que se pedían as sancións máximas por agresións a ríos como o baleirado de encoros.

Nunha destas cuestións, a deputada do BNG Alexandra Fernández reclamou implementar medidas ante o "colapso" existentes no rexistro de demandantes de vivenda pública, con máis de 15.000 persoas inscritas. Denuncia que o PPdeG "recortou 1.700 millóns en vivenda" desde 2009, polo que ve necesario "cambiar o rumbo" nas políticas.

Así, lamenta que "nunca tanta vivenda houbo", pero "nunca tantas dificultades para acceder a ela". Sinala que nas últimas décadas construíronse 580.000 novas vivendas en Galicia mentres a poboación baixaba en 100.000 persoas, pero hoxe en día só un 15% dos mozos pode emanciparse.

Nesta liña, Noelia Otero (PSdeG) advertiu de que os 15.000 demandantes de vivenda inscritos no rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) supón a "cifra máis elevada na última década", á vez que continúan os "recortes" nos orzamentos, cun investimento "moi por baixo" da do bipartito.

En cambio, Begoña Freire (PPdG) replicou que o "relato" da oposición non é "adecuado á realidade", pois nega que existan recortes e "non hai ningunha situación de colapso" no rexistro de demandantes de vivenda. Igualmente, a deputada popular puxo en valor apoios como 34 millóns para máis de 17.500 axudas ao aluguer nos últimos anos, unido a que o orzamento do IGVS crece un 28,6% para 2022.

PATRIMONIO CULTURAL

Por outra banda, Noa Díaz (PSdeG) defendeu unha iniciativa que busca crear unha comisión de patrimonio, así como que a Xunta siga as recomendacións do Consello da Cultura para a elaboración dun plan autonómico con dotación orzamentaria de preservación do patrimonio cultural.

A deputada socialisa recrimina a falta de atención na última década por parte do Goberno galego á riqueza arquitectónica, como a situación de inmobles como pazos "ruinosos" ou o apoio "irrelevante" a escavacións arqueolóxicas. Díaz valeuse dunha expresión da última obra teatral de Chévere ('N.E.V.E.R.M.O.R.E.')para acusar aos populares de ser "depredadores do pasado histórico e cultural".

E é que denuncia que a Xunta "adoece de estratexia" ante a situación de patrimonio "abandonado", polo que pide unha redefinición das súas políticas. Aquí, Mercedes Queixas (BNG), cuxo grupo apoiou a iniciativa, fixo referencia a un diagnóstico do Consello da Cultura para reprochar que "non hai unha política integral nin activa" para a atención ao patrimonio galego, con "poucos recursos". A isto únese un desenvolvemento "escaso e insuficiente" da lei de patrimonio cultural.

En contraposición, José Luís Ferro (PP) xustificou a negativa do seu grupo en que, "sen ser soberbio", existen máis "acertos que fracasos" por parte da Xunta nesta materia. "Non somos ningúns depredadores do pasado", defende. Ferro considera "totalmente falso e inxusto" dicir que a Xunta non teña política de coidado do patrimonio, pois, aínda que é "sempre" un traballo "inacabado", "a realidade que describen nesta Cámara é ben distinta á que os cidadáns se atopan".

Rexeitamento de mocións do PPdeG no pleno do Parlamento do 26 de outubro. CAPTURA
Rexeitamento de mocións do PPdeG no pleno do Parlamento do 26 de outubro. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta