A gran alternativa soberanista que podería frear as espectativas electorais de Yolanda Díaz

Vascos e cataláns analizan a posibilidade de crear unha gran fronte soberanista de cara ás eleccións xerais para tentar facer fronte á plataforma impulsada por Yolanda Díaz. Dirixentes do BNG non verían con malos ollos esta iniciativa pero serán os militantes os que decidan as liñas políticas e a orientación política da formación frontista no Estado na vindeira asemblea nacional.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A plataforma que impulsa a vicepresidente do Goberno español, Yolanda Díaz, puxo en alerta ao independentismo e soberanismo do Estado español. Vascos, cataláns e galegos cren que esta nova alianza política podería influír nas súas perspectivas electorais xa que que temen a fuga de parte do seu electorado. Non sería moito, pero suficiente para restar a posibilidade de obter novos escanos ou mesmo perder algún dos actuais.

Oriol Junqueras e Ana Pontón
Oriol Junqueras e Ana Pontón | Fonte: BNG.

Por iso, entre os dirixentes de ERC,  EH Bildu e, en menor medida, en certos sectores do BNG, non se vería con malos ollos a posibilidade de impulsar unha gran fronte nacionalista, independentista e soberanista a nivel estatal de cara as eleccións xerais do 2023 (se é que non hai adianto electoral).

Esta nova fronte sería inédita no panorama estatal porque sería a primeira vez que tres grandes forzas de tres nacionalidades históricas aspirasen a convertirse nun dos grandes actores políticos do Estado ao procurar ter un número de escanos e deputados cos que falar de ti a ti aos grandes partidos estatais actuais; PSOE, PP, Vox e Unidas Podemos. Sería un xeito de unir forzas nos respectivos territorios para favorecer sinerxías e amplificar a súa voz no escenario estatal, onde até agora ocupan un papel máis secundario.

De feito, hai precedentes de chegar a un gran acordo. Estas forzas xa se adhediron o 25 de outubro de 2019 ao acordo de Declaració da Llotja de Mar na que reclamaron un acordo político sobre a crise catalá, a defensa do dereito á autodeterminación e a liberación dos "presos políticos". A esta iniciativa tamén se uniron outras forzas nacionalistas como os baleares de Mès ou a CUP, actores políticos, xunto con outros menores, que tamén poderían ser consultados para integrarse nesta nova fronte.

ERC E BILDU

Polo momento, a idea desta gran coalición calla forte entre dirixentes de ERC e Bildu, que manteñen unha fluída relación. De feito, o último episodio que dá mostra do apoio mutuo que se brindan foi a presenza de Oriol Junqueras este pasado sábado na manifestación polos presos de ETA. Unha manifestación na que estiveron dirixentes de Podemos pero non ningún dirixente destacado do Bloque. Unha decisión estratéxica que se enmarca nas distintas visións estratéxicas que existen na actualidade na dirección do BNG sobre a orientación política da fronte e que motivaron a súa líder, Ana Pontón, a abrir un periodo de reflexión.

Yolanda Díaz xunto con Ana Pontón cando a primeira era deputada na Cámara galega por AGE
Yolanda Díaz xunto con Ana Pontón cando a primeira era deputada na Cámara galega por AGE | Fonte: DP

De feito, a cúpula do nacionalismo galego está dividida sobre a posibilidade de participar nesta gran fronte. Segundo fontes consultadas por GC, non existe aínda ningun posicionamento concreto ao respecto aínda que se recoñecen "conversas informais" con dirixentes cataláns e vascos. Non hai nada tomado porque é probable que a Asemblea Nacional que o BNG celebrará o vindeiro novembro marque parte das futuras liñas políticas da fronte nacionalista galega, entre elas, precisamente, a orientación da súa política estatal e a relación con outras forzas "irmáns" do espazo soberanista e independentista.

ANA PONTÓN E YOLANDA DÍAZ

Cataláns e vascos verían con moi bos ollos a presenza dos galegos, polos lazos históricos que os unen e, sobre todo, para configurar unha voz única no Estado das nacións sen estado que procuran a autodeterminación por vías pacíficas. Fontes do entorno de ERC lembran, ademais, precisamente, que Yolanda Díaz é galega, como Ana Pontón, e que a posibilidade de que encabece unha lista electoral podería restar apoios e debilitar as opcións electorais do BNG de aumentar o número de escanos ou aspirar a grupo parlamentario.

Precisamente, en boa parte a espectacular suba do BNG nas eleccións galegas debeuse ao esfarelamento do espazo da Marea, na que estaba, orixinalmente, Unidas Podemos. O ascenso político de Yolanda Díaz e a súa boa imaxe nos medios de comunicación e en certos ámbitos empresariais --ao igual que Ana Pontón--, poderían activar a parte dese electorado cabreado ou desencantado que marchou ao BNG. Ademais, estaría en disputa parte do caladeiro de votos do Bloque, o dos mozos e mulleres, un sector no que Yolanda Díaz é a preferida nas enquisas a nivel estatal.

O que está claro é que o futuro do BNG vaise xogar nesa asemblea nacional na que ninguén parece discutir o liderato de Ana Pontón, pero no que voces importantes vinculadas ao sector duro da UPG e do sindicalismo da CIG si discuten a actual orientación política. Por iso, a batalla dese cónclave non estará tanto nos nomes, senón nas liñas e estratexias políticas que se decidan porque esas serán as que marquen se o BNG vai por libre a nivel estatal ou configura unha gran fronte con vascos e catalán para ter peso específico e poder desnivelar a política estatal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Efectivamente a liña estratéxica da UPG logo de 57 anos sería milagre que mudara... Ana Pontón estará firmemente custodiada polos Comisarios Políticos de Paco Rordríguez e volveremos a ver como nos venden o proxecto "Agora Repúblicas" que convertirán novamente a Galicia nun caladoiro de votos gratuítos para Outras Nacións Sen Estado !

1 Sepo

Sempre a culpa serà da UPG, pa todo. Que sería de nos sin a U.