Carmela Silva reclama a "urxente" necesidade de que as mulleres teñan postos de liderado no sector do mar

A Deputación de Pontevedra recalcou a necesidade de "enxalzar e visibilizar" o traballo das mulleres no mar, que "moitas veces" resulta "silenciado" a pesar de ser "transcendental", e incidiu na importancia de que alcancen postos de liderado no sector.

Por E.P. | VIGO | 26/10/2021 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou a "urxente" necesidade de que as mulleres alcancen postos de liderado no sector marítimo-pesqueiro. Así se manifestou no marco do 'VII Xornadas Divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro. Referentes do presente e do pasado', organizadas en Vigo pola institución provincial xunto á Fundación para a Pesca e o Marisqueiro (Fundamar), a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar (Funpromar) e o Concello.

Neste contexto, Silva recalcou a necesidade de "enxalzar e visibilizar" o traballo das mulleres no mar, que "moitas veces" resulta "silenciado" a pesar de ser "transcendental", e incidiu na importancia de que alcancen postos de liderado no sector. "Non pode ser que sexamos maioría na extracción, tecendo redes ou transformando os produtos do mar e desaparezamos nos postos de decisión", denunciou.

Por iso, a presidenta provincial valorou iniciativas como estas xornadas e o proxecto 'Sirenas. As mulleres do mar', que tamén promoven Fundamar e Funpromar, xa que permiten visibilizar "as achegas, o esforzo e o papel estratéxico" deste colectivo na cadea mar-industria.

No marco do proxecto 'Sirenas. As mulleres do mar', a Deputación asinou un convenio con Fundamar e Funpromar para pór en marcha unha investigación documental sobre a participación destas na contorna económica e laboral. Así, desenvolveuse a peza audiovisual 'Pegadas desvanecidas', que profunda na investigación de xénero e aborda a participación socioeconómica das mulleres e a súa historia no mar, ademais de situalas como referentes.

Durante as xornadas proxectouse esta peza e deuse a coñecer ás novas "protagonistas" do directorio '#SomosSereas' mediante os proxectos audiovisuais 'As rederas da Guarda' e 'Continuidade en feminino'.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta