Feijóo avoga por traer a emigrantes de segunda ou terceira xeración para afrontar o envellecemento

"Se cedemos terreo nese debate, outros o ocuparán con discursos que responden máis á emoción que a razón; ao ruído que á serenidade; ao populismo que á política ben exercida", di.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este mércores por abordar o retorno e a migración planificada e ordenada a nivel europeo e estatal para afrontar a consecuencia do envellecemento.

"Se cedemos terreo nese debate, outros o ocuparán con discursos que responden máis á emoción que a razón; ao ruído que á serenidade; ao populismo que á política ben exercida", destacou. Durante a súa participación por vía telemática no debate 'Rexión e diáspora', celebrado no marco do Congreso de autoridades locais do Consello de Europa e do que informou a Xunta nun comunicado, Feijóo compartiu a aposta de Galicia polo retorno e a súa experiencia neste ámbito.

Así, referiuse a a diáspora como unha "oportunidade" para difundir e protexer a cultura galega, as posibilidades turísticas ou de expansión empresarial, pero moi especialmente, como trampolín de retorno dos que un día marcharon e dos seus fillos e netos.

Nesta liña, destacou as iniciativas que desenvolve a Xunta encamiñadas a transformar os vínculos galegos do exterior en raíces e, se eles o desexan, emprender unha vida na Comunidade: a creación dunha oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno que xa ten axudado a 6.500 familias; axudas económicas a 3.000 familias para facilitar a súa integración; e "incrementos das axudas aos que queiran emprender", con contías que xa beneficiaron a máis de 500 proxectos, revertendo na economía galega oito veces máis que o apoio público.

O titular do Goberno galego referiuse tamén ao retorno como un instrumento fundamental na política galega fronte ao reto demográfico, lembrando que Galicia gañou poboación por primeira vez grazas ao saldo migratorio positivo.

"Galicia, hoxe, diríxese aos seus fillos e fillas --sobre todo aos de segunda e terceira xeración-- para convidalos a regresar", abundou para resaltar tamén a Lei de Impulso Demográfico, que abre a senda a través da que a comunidade contará cunha educación infantil gratuíta para todos os nenos galegos.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participa por videoconferencia no debate Rexións e diáspora no marco do Congreso de autoridades locais e rexionais do Consello de Europa. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participa por videoconferencia no debate Rexións e diáspora no marco do Congreso de autoridades locais e rexionais do Consello de Europa. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta