Investigadores de Portugal e Galicia avanzan en terapias para evitar a demencia na vellez

Realizaron un estudo con resultados positivos ao aplicar estimulación cognitiva individual de longa duración en pacientes con deterioración cognitiva leve.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos incrementáronse as investigacións en torno ao concepto de deterioración cognitiva leve. Con todo, o seu desenvolvemento segue sendo debatido desde diferentes perspectivas, poñendo de relevo a necesidade de lograr unha adecuada conceptualización desta síndrome.

Home con alzhéimer
Home con alzhéimer | Fonte: Pixabay.

A deterioración cognitiva leve é un estadio intermedio entre a deterioración cognitiva esperada debida ao envellecemento normal e a deterioración máis grave da demencia. Caracterízase por problemas de memoria, linguaxe, pensamento ou xuízo. Se vostede ten unha deterioración cognitiva leve, é posible que advirta que a súa memoria ou as súas funcións mentais están reducidas.

É posible que a deterioración cognitiva aumente o risco de padecer demencia máis adiante debido ao alzhéimer ou outros trastornos neurolóxicos. Pero algunhas persoas con deterioración cognitiva leve nunca empeoran e algunhas, poucas, melloran co tempo.

Neste campo, investigadores de Portugal e Galicia colaboraron para avaliar o efecto da intervención de estimulación cognitiva individual de longa duración en persoas con trastorno neurocognitivo leve. E atoparon resultados positivos, mesmo máis esperanzadores que noutros estudos previos.

Como lembran estes investigadores, o envellecemento da poboación non ten precedentes. Calcúlase que o 19,1% da poboación de Europa ten máis de 65 anos e no ano 2050 esta cifra chegará ata o 35%. É xa un dos problemas máis comúns na área da saúde mental entre a poboación máis maior é o trastorno neurocognitivo leve, “o cal se define por evidencias dunha deterioración cognitiva moderado comparada co nivel previo de desempeño do suxeito nun ou máis dominios cognitivos, pero sen interferencia na súa capacidade de independencia nas actividades da vida diaria, en ausencia de delirio ou outro trastorno mental”, explcan.

RESULTADOS "INCONSISTENTES" ATÉ AGORA

Ante este escenario, consideran que “a estimulación cognitiva pode ser beneficiosa para retardar a progresión do trastorno neurocognitivo (TNC) leve, pero os resultados das investigacións existentes son inconsistentes”. Ademais, engaden, “non existen intervencións a longo prazo nin intervencións individuais (un a un) aplicadas por profesionais”.

Por iso, estes investigadores puxeron en marcha un estudo para avaliar a eficacia dunha intervención de estimulación cognitiva individual de longa duración para persoas con  TNC leve.

Para o estudo contaron con 82 participantes con TNC leve asignados uns a un grupo de intervención de estimulación cognitiva e outros, a un grupo de control (nun ensaio clínico, é o grupo que non recibe o novo tratamento que está en estudo; este grupo compárase co que si o recibe para determinar se o novo tratamento é realmente eficaz).

Trátase dunha mostra de suxeitos máis ampla que as empregadas noutros estudos sobre o mesmo problema. De feito, os investigadores de Galicia e Portugal recordan que “a maioría dos estudos empregou mostras reducidas” de 10-12 suxeitos, e nos que houbo “unha elevada porcentaxe de abandonos durante a intervención”, a diferenza do estudo realizado por estes.

A intervención consistiu en 88 sesións de formato individual de aproximadamente 45 minutos, dúas veces por semana. En total, sumáronse 1.980 horas de exposición a actividades de estimulación cognitiva. Estes tamén son datos substancias, xa que, segundo estes científicos, noutros estudos previos realizados por outros investigadores “a maioría das intervencións tivo unha duración relativamente breve (30 horas de media ao longo de de 14-18 sesións), o que pode resultar insuficiente para tratar estas condiciones degenerativas”, din.

Avaliadores independentes valoraron a cognición, a sintomatoloxía depresiva e o nivel de autonomía nas actividades da vida diaria na preintervención (liña base), a intraintervención (seis meses) e a postintervención (12 meses), en función do momento temporal do estudo.

A intervención baseouse na reserva cognitiva (capacidade do cerebro para tolerar mellor os cambios cerebrais causados polo envellecemento), e na neuroplasticidade (capacidade do cerebro de cambiar e adaptarse de forma constante ás experiencias vitais).

ACHADOS PROMETEDORES

Os resultados mostran que tanto na intra como na postintervención –durante a terapia e logo desta– se produciu unha mellora significativa na cognición e a sintomatoloxía depresiva no grupo de intervención, en comparación co grupo control. Particularmente, os participantes máis novos e os que tiñan unha mellor función e estado cognitivo na preintervención obtiveron mellores resultados.

“Estes achados suxiren a importancia dunha intervención temperá que retarde a deterioración cognitiva en persoas con TNC leve e que poida previr ou atrasar a progresión cara a un TNC maior, evitando elevados custos persoais, sociais e económicos. Dadas as previsións de aumento do envellecemento da poboación e dos casos de TNC maior, estes achados teñen unha gran relevancia tanto no presente como no futuro”, destacan os investigadores.

O estudo, cuxos resultados veñen de ser publicados na revista científica Neurología,está asinado por Susana I. Justo-Henriques e Ana E. Marques-Castro, de Cediara-Associação de Solidariedade Social de Ribeira de Fráguas, Portugal; Patricia Otero, do Departamento de Psicoloxía da Universidade da Coruña, e Fernando L. Vázquez e Ángela J. Torres, dos departamentos de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta