A Xunta move ficha para que Ence quede na ría de Pontevedra

Feijóo traslada ao Porto de Marín o informe do Consultivo que ve encaixe a que adscriba os terreos onde está a fábrica, contra o criterio do Ministerio. Traballadores cortan o tráfico nunha protesta que non foi secundada polos empregados de oficina porque non comparten un traslado.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 29/10/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, revelou que o mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, remitiu ao Porto de Marín o informe do Consello Consultivo que ve encaixe legal a adscribir os terreos de Lourizán, onde está situada a factoría de Ence en Pontevedra, á autoridade portuaria.

A fábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une Pontevedra con Marín
A fábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une Pontevedra con Marín | Fonte: Europa Press.

Rueda subliñou que a Xunta fixo un pregunta "moi clara" ao Consello Consultivo, sobre se "era posible conseguir que quedasen onde está" a actual fábrica de Ence, nuns terreos cuxa prórroga de concesión foi declarada ilegal pola Audiencia Nacional.

Rueda xustifica que esta vía xurídica, sobre a que o Consultivo foi "clarisimo" ao asegurar que se podía dar, "aseguraría os centos de postos de traballo directos e miles en toda Galicia" vinculados de forma indirecta.

"O Consello Consultivo dixo clarisimamente que si, iso trasladóuselle ao porto para que faga os trámites oportunos", sinalou Rueda. A decisión depende se non hai máis remedio de orde ministerial.

Rueda manifestou que espera que haxa unha "solución". "Espero que esteamos todos de acordo", apuntou Rueda, quen considerou que co aval xurídico que lle "acaba de dar" o Consultivo, "deberiamos tirar todos para adiante".

"Todo o demais sería descoñecer que hai moitos postos de traballo en xogo, moitas familias que dependen desta decisión e que non se pode facer política nin formulacións equivocadas de condenar a toda unha comarca a que perda a súa principal industria", sentenciou.

"PERFECTAMENTE VIABLE"

O Consello Consultivo inclúe, nas conclusións do informe, que é "perfectamente viable" incluír na zona de servizo do Porto de Marín os terreos de Lourizán, "sempre que estes terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios" recollidos por lei e se observen "os trámites legalmente establecidos para a dita modificación".

Ademais, sostén que a emisión do acordo de iniciación do expediente de proposta de Delimitación dos espazos e usos portuarios é "exclusiva competencia da correspondente autoridade portuaria e a súa aprobación efectuarase a través de orde ministerial".

Pola súa banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ratificouse, tras coñecer ese informe, na "inviabilidade xurídica" de adscribir os terreos.

PROTESTA

Traballadores da planta de Ence de Pontevedra, situada nos terreos de Lourizán, interromperon este venres as comunicacións por estrada entre Marín e a capital pontevedresa ao cortar o tráfico na PO-11 (a coñecida como autovía) e na PO-546 (tamén chamada "estrada vella").

A mobilización comezou sobre 10,00 horas coa queima de pneumáticos nos viarios, o que xerou importantes atascos. Sobre o mediodía terminou a protesta, aínda que o tráfico tardou algo máis en restablecerse mentres que se limpaba a calzada.

Este acto de protesta foi convocado polo comité de fábrica para reclamar á empresa e ás administracións "garantías" no mantemento dos seus postos de traballos ante as tres sentenzas que anularon a prórroga da concesión dos terreos que ocupa o complexo fabril.

A mobilización non foi secundada polo comité de oficinas de Ence nin tampouco polos traballadores das empresas auxiliares, que se desmarcaron expresamente da protesta nun comunicado no que reprochan ao comité de fábrica que "se desmarque continuamente da unidade" polos "intereses dunha minoría, xa sexa mediante dubidosas declaracións á prensa con posicións que en ningún momento foron acordadas e que fraco favor nos fan a todos, ou convocando mobilizacións de forma unilateral pretendendo pastorear despoticamente ao resto de compañeiras e compañeiros".

Tamén discrepan co comité de fábrica por admitir a posibilidade dun hipotético traslado da empresa, tal e como defende o Goberno central, pero rexeita a compañía.

Desde o comité de oficinas de Ence e as empresas auxiliares apuntan que "non é debatible a defensa pola permanencia da fábrica na súa actual localización e contra calquera tipo de peche nin traslado ata que non quede nin unha soa vía pola que pelexar, considerando a adscrición ao Porto de Marín como a primeira opción realmente tanxible que se presentou entre tanto fume e ambigüidades".

Pola súa banda, este venres o comité de fábrica explicou que con esta concentración reclaman "á Xunta, ao Estado e á empresa que senten a falar da viabilidade para os postos de traballo".

Critican que a mesa de diálogo estea "totalmente paralizada" e alertan que se o Tribunal Supremo non admite a trámite os recursos contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión de Costas estarán "pechados". "E iso é o que non queremos", salientan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta