Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/10/2021 | Actualizada ás 10:00
Tras a súa ópera prima "Dhogs", a máis galardoada do audiovisual galego con 13 Premios Mestre Mateo e outros moitos recoñecementos no resto do mudo, o director lucense Andrés Goteira presenta a súa nova e esperada película "Welcome to Ma Maison" no Festival Internacional de Cinema de Xixón.
A película, que competirá no prestixioso festival asturiano, está protagonizada polo actor lucense Igor Fernández e terá a súa premier mundial o próximo 21 de novembro na sección oficial Tierres en Trance.
"Welcome to ma maison" é unha longametraxe que inicia unha viaxe cara Los Ángeles
para coñecer ao director de cinema Nicolas Winding Refn e, ao non atopar o seu rumbo, camiña cara ao interior do seu protagonista "percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe". Trátase dun falso documental construído con "imaxes reais, sentimentos sinceiros e problemas verdadeiros".
A cinta, rodada en galego, castelán e inglés, foi producida por Gaitafilmes en coprodución con Dentada Films e conta coa subvención da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais da participación da Televisión de Galicia e a colaboración do Concello de Meira e Gadis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.