Formoso exerce xa de líder no PSdeG e traslada á militancia: "Non lles imos fallar"

Os alcaldes das cidades, excepto o de Vigo, arroupan ao novo secretario xeral. Gonzalo Caballero avanza que non deixará o seu escano, tras perder as primarias. Pedro Sánchez insta a "abrir unha nova etapa para cambiar Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/10/2021 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aproveitou a súa primeira comparecencia tras imporse nas primarias nas que os socialistas galegos elixiron ao seu novo líder para trasladar á militancia a súa primeira mensaxe. "Que saiban que non lles imos fallar", manifestou.

Valentín González Formoso, tras gañar as primarias no PSdeG
Valentín González Formoso, tras gañar as primarias no PSdeG | Fonte: Europa Press.

Formoso compareceu ante os medios na sede do PSdeG arroupado polos alcaldes da Coruña, Inés Rey; Ferrol, Ángel Mato; Lugo, Lara Méndez; e Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, así como polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Xunto ao alcalde das Pontes, que apareceu sobre as 23,00 horas, chegaron veteráns socialistas como o que fora alcalde de Oroso, Manuel Mirás, ou as exdeputadas Noela Blanco e Patricia Vilán, e o edil da Coruña, José Manuel Lage.

Na súa intervención e entre aplausos, Formoso agradeceu aos "miles de compañeiros" que lle apoiaron neste proceso interno. "Quen viron en nós un modelo que se identifica con Galicia, que saiban que non lles imos fallar", sinalou.

Así mesmo, aproveitou para pór en valor unhas primarias que definiu como unha "expresión de democracia", un "exemplo" que o Partido Socialista "dá a toda a sociedade".

Ademais, mostrouse "francamente orgulloso" do desenvolvemento do proceso "sen incidencias" e "con total normalidade" e agradeceu ao seu rival, Gonzalo Caballero,  desenvolver unha "campaña exemplar".

Por último, lanzou "unha mensaxe a Galicia". "O noso fin é servir a Galicia, esa Galicia que soña en mellorar, que aspira a non baleirarse, esa Galicia que se foi e quere retornar. Que é un país pequeno pero que chega ás estrelas: aquí tedes o partido ao voso servizo", apuntou.

Os dous aspirantes á secretaría xeral non se deixaron ver na sede do PSdeG ata moi avanzado o reconto dos votos. Antes foron chegando colaboradores de cada equipo para arroupar aos seus respectivos candidatos.

Así, o primeiro en chegar foi Gonzalo Caballero, que foi recibido por varios dos deputados autonómicos, como Martín Seco, Paloma Castro, e a parlamentaria estatal Ana Prieto; así como pola expresidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino.

Unha vez que Gonzalo Caballero atendeu aos medios, chegou Formoso quen entrou ao Pino acompañado polos alcaldes que lle deron o seu apoio neste proceso interno.

CABALLERO SEGUIRÁ NO PARLAMENTO

O ata agora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desexou "todos os éxitos" ao que foi o seu rival nas primarias.

Nunha comparecencia ante os medios na sede do PSdeG e arroupado por varios deputados autonómicos, nacionais e colaboradores seus, entre outros militantes, Caballero destacou que, aínda que vai "reflexionar", prevé "cumprir co mandato" dado polos galegos nas urnas, de forma que non ten pensado abandonar o seu escano no Parlamento de Galicia.

Nunha intervención na que agradeceu o apoio á militancia e puxo en valor as primarias do Partido Socialista, sinalou que a partir de agora terá máis tempo para a súa vida privada. Con todo, deixou claro que mentres teña "vida persoal e humana" seguirá traballando polo Partido Socialista de Galicia.

Ademais, desexoulle "todos os éxitos" a Valentín González Formoso como novo secretario xeral. "Para que teña a mellor capacidade de xestión, porque o noso reto é fortalecer o PSdeG", apuntou.

FELICITACIÓNS DE PEDRO SÁNCHEZ

O secretario xeral do Partido Socialista de España e presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, felicitou a Valentín González Formoso, tras ser elixido novo líder do PSdeG.

"Os meus parabéns a Valentín González Formoso pola súa vitoria hoxe nas primarias. E felicidades tamén a Gonzalo Caballero por todo o seu traballo estes anos", sinalou o presidente nunha mensaxe publicada na rede social Twitter.

"Imos impulsar o PSdeG, abrir unha nova etapa para cambiar Galicia", sinala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Faith

Dentro de 3 anos poñen a outro