Un milleiro de vehículos na caravana de protesta contra o peche de Alcoa

O comité de empresa anuncia unha nova concentración, esta vez nocturna, para o vindeiro sábado.

Por Europa Press / Redacción | Burela | 31/10/2021 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O comité de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, convocou para este domingo unha caravana ata Burela, baixo o lema 'Enerxía solución', na que participaron case 1.000 vehículos. A saída de vehículos propios estaba fixada para as 11,30 horas en Ribadeo na estación de autobuses e en Viveiro no aparcadoiro á beira da estación de autobuses; lugares dos que finalmente saíron arredor de 400 e 500 coches, respectivamente, tal e como confirmou o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan.

Caravana de vehiculos de traballadores de Alcoa pola N-634 entre Ribadeo e Viveiro
Caravana de vehiculos de traballadores de Alcoa pola N-634 entre Ribadeo e Viveiro | Fonte: CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS.

A caravana, que discorreu "sen incidentes" e "foi moi visual", contou cunha "gran participación", en palabras de Zan, a pesar de celebrarse mentres dúas quendas da empresa continuaban traballando, polo que non podían acudir.

Os representantes dos traballadores, que continúan coa consigna de que 'A Mariña sálvase loitando', debuxaron con coches brancos a palabra SEPI, acto que gravaron desde as alturas cun dron.

"Esperamos que o Goberno mova ficha por fin. Levamos 17 meses esperando a que o fagan e loitando por unha solución real. Non queremos máis xuíces, nin sentenzas, queremos unha solución", reivindicou o representante do comité de empresa, que anunciou ademais unha nova mobilización nocturna para o vindeiro sábado 6 de novembro.

Esta mesma semana, o Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) que Alcoa pretendía executar na planta de San Cibrao.

FRANCISCO CONDE SOBRE ALCOA

Sobre a situación da planta de Alcoa San Cibrao pronunciouse este mesmo domingo o vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, quen remarcou que a anulación do ERE confirmada polo Tribunal Supremo vén dar "a razón aos traballadores e á Xunta" cando durante as negociacións identificaron que a compañía "estaba a actuar de mala fe".

Por iso, Conde instou á multinacional --nunha entrevista na Radio Galega-- a "abandonar esa actitude" que mantivo "durante os últimos meses" e ao Goberno central a "adoptar unha decisión formal para pechar a venda da planta e permitir que un comprador poida asumir o proxecto".

Iso si, isto pasa en primeiro lugar "por garantir un prezo eléctrico competitivo" e en segundo lugar por que tanto o Estado como Alcoa senten a "establecer os criterios sobre esa venda". Para iso, a Xunta insiste en que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) interveña a factoría "se é necesario".

"O certo é que o Ministerio (de Industria) ata o de agora está ausente no proceso e nós pedimos que se restitúa a mesa de negociación e se poida dar certeza aos traballadores", agregou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta