O responsable dun asasinato en Betanzos pide repetir o xuízo que o condenou a 15 anos

A súa defensa alega que a xuíza impediu unha pregunta a unha testemuña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A defensa do home condenado a 15 anos de cárcere como autor dun delito de asasinato en Betanzos pediu a nulidade do xuízo alegando que a xuíza impediu realizar unha pregunta chave a unha testemuña, durante a vista de apelación celebrada este martes na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os feitos ocorreron en Betanzos en decembro de 2018, tras unha discusión previa entre vítima e acusado. De acordo co veredicto emitido polo tribunal do xurado da Audiencia Provincial da Coruña, o apuñalamento produciuse "de maneira sorpresiva, sen que a vítima puidese defenderse".

Segundo declarou aos medios o avogado da defensa, Manuel Ferreiro, non puido preguntar a unha das testemuñas dos feitos "en que lugar estaba situada", polo que se asumiu que a muller non estaba nunha posición que puidese presenciar o incidente. A sala debe decidir se esa pregunta "cambia o resultado do preito", e en caso afirmativo "obrigaría a repetir o xuízo", sinalou o letrado.

"NON HAI ALEIVOSÍA"

Ferreiro tamén apuntou que se recorría que "non hai aleivosía" no incidente, xa que as testemuñas declaran que "houbo unha pelexa previa" e que a vítima "viu vir ao acusado coa navalla", o que faría que o delito fóra de homicidio e non de asasinato.

Por último o letrado pediu que se tivesen en conta as atenuantes de "intoxicación etílica e anomalía psíquica", que non se admitiron durante o xuízo ao non coincidir o diagnóstico do psiquiatra de parte, co psiquiatra de Teixeiro, que "recoñecía problemas co alcol" do procesado, o que podería reducir a pena de prisión.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta