Temas: FRASEOLOXíA

“Ser escusado + suxeito gramatical”, equivalente á castelá “holgar + suxeito gramatical”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/11/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Hai uns días, navegando pola Rede, deume vivamente nos ollos a secuencia *folga dicir (...), mero calco da castelá huelga decir (...).

Mesas e cadeiras recollidas nunha aula dun colexio
Mesas e cadeiras recollidas nunha aula dun colexio | Fonte: Iván Terrón - Europa Press - Arquivo.

E é que, para os máis dos galegofalantes de seu, case é escusado dicir que no noso idioma dispomos doutros recursos para dar a entender ese mesmo significado, como imos ver deseguido:

Holgar + sujeto gramatical

{= Ser innecesario, sobrar ou estar de máis aquilo que é denotado ou representado polo suxeito gramatical.}

Ser escusado + suxeito gramatical

Escusarse + suxeito gramatical

Resultar escusado + suxeito gramatical

[E MAIS]:

Sobra + sujeto gramatical && Estar de más + sujeto gramatical

Sobrar + suxeito gramatical && Estar de máis + suxeito gramatical && Ser de máis + suxeito gramatical

Ex.: Huelga decir que una buena higiene bucal puede ayudar a prevenir la aparición de caries.

É escusado Escúsase  Resulta escusado  Sobra Está de máis É de máis dicir que unha boa hixiene bucal pode axudar a previr a aparición de carie.

Ex.: Cuando dos miradas enamoradas se encuentran, huelgan las palabras.

Cando dúas miradas namoradas se atopan, son escusadas escúsanse sobran están de máis son de máis as palabras.

● Tamén, en moitos contextos:

Ni hacer falta + sujeto gramatical && No hacer falta (ni) + sujeto gramatical

Nin facer falta/falla + suxeito gramatical && Non facer falta/falla (ni) + sujeto gramatical

Ex.: Nin fai falla/falta Nin fai falla/falta (nin) dicir que unha boa hixiene bucal pode axudar a previr a aparición de carie.

Ex.: Cando dúas miradas namoradas se atopan, nin fan falla/falta non fan falla/falta (nin) as palabras.

NOTAS:

1. Case tamén debería ser escusado dicir que cando o suxeito gramatical está linguisticamente materializado nunha frase nominal ou nun nome, o participio “escusado” cadrará en xénero e número co dito suxeito, tal e como se reflicte no segundo dos exemplos: así, “as palabras” é unha frase nominal (ou sintagma nominal ou grupo nominal –ou mesmo frase substantiva–, segundo a terminoloxía que usemos) que amosa xénero feminino e número plural, polo que o participio terá que presentar tamén o xénero feminino e o número plural (isto é, a forma “escusadas”), de aí que o correcto sexa dicir “son escusadas as palabras”.

2. Téñase en conta, así mesmo, que a locución verbal ser escusado abrangue máis contextos de uso cós que normalmente se poden dar en castelán para holgar, xa que vén a indicar que non fai falla (facer) algo, que (facer) algo está de máis ou que (facer) algo é inútil, xa que non vai dar rendemento práctico ningún (p. ex.: É escusado que lle regales nada, que non cho voi agradecer en absoluto & É escusado que lle deas consellos, que, total, vai facer o que lle pete).

3. Polo que atangue á secuencia escusarse + suxeito gramatical (e inda que para os efectos prácticos do contido que neste artigo queremos fornecer pouco importa), cómpre ter en conta que, de par dela, tamén se admite a secuencia de construción impersoal escusarse + obxecto directo gramatical, doadamente identificable naqueles casos en que o verbo se conxuga en singular e o complemento presenta número plural: así, para o segundo dos exemplos que puxemos tanto poderiamos dicir “escúsanse as palabras” (verbo + suxeito) coma “escúsase as palabras” (verbo + CD).

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta