A USC culmina un estudo que podería poñer fin á obesidade cun fármaco

Investigadores do CiMUS conseguiron baixar o peso de ratos cun novidoso tratamento sen cambiar a súa dieta. O achado baséase nunhas partículas que viaxan ao cerebro cargadas dun fármaco e inhiben a acción dunha proteína chave.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A Sociedade Española de Cardioloxía lanzou semanas atrás un estudo no que concluía que Galicia é a comunidade autónoma con máis sobrepeso de España. En concreto, e segundo as mesmas fontes, un de cada catro galegos sofre obesidade, taxa só igualada por Andalucía. Esta circunstancia podería cambiar tras o achado desenvolto por un equipo da USC a respecto do exceso de peso e a súa conexión co cerebro. 

Báscula
Báscula

Os investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago, agrupados no grupo NeurObesity, vén de descubrir en ensaios con animais unha novidadosa estratexia antiobesidade baseada en nanopartículas naturais que actúan como transportadores de fármacos capaces de entrar no hipotálamo e vencer a enfermidade.

O grupo do CiMUS, explican dende a Universidade, conseguiu cargar vesículas extracelulares -unhas nano moléculas naturais- cun xene modificado que inhibe a acción da proteína AMPK nun grupo moi reducido de neuronas desta rexión cerebral de difícil acceso. "Con esta nova estratexia logrouse reverter a obesidade en ratos moi obesos, a pesar de seguir inxerindo unha dieta con elevado contido en graxa", engaden.

O traballo vén de ser publicado na prestixiosa revista Nature Metabolism e podería ir máis aló do campo da obesidade, estendéndose a outras patoloxías relacionadas co cerebro. O primeiro autor do traballo é Edward Milbank, experto en vesículas extracelulares e membro do grupo  NeurObesity. Parte dos resultados formaron parte da súa tese doutoral, dirixida por Miguel López.

FÁRMACOS, A NOVA SAÍDA?

A institución santiguesa engade que a "baixa efectividade" de dietas e outras estratexias contra a obesidade intensificou nos últimos anos a busca de tratamentos farmacolóxicos. En opinión dos expertos, atopar un tratamento eficaz e aplicable á maioría da poboación obesa preséntase como un dos retos biomédicos máis relevantes do século actual. Agora sábese que podería pasar polo cerebro e non pola inxesta.

Neste senso, o principal obstáculo que implica poder desenvolver fármacos que actúen no cerebro é o seu elevado grao de protección. “En primeiro lugar, está emprazado dentro dunha auténtica ‘caixa forte’, o cráneo, e, en segundo lugar, calquera molécula que teña que chegar ao cerebro ten que atravesar un sofisticado sistema de transporte: a barreira hematoencefálica. Esta estrutura non so actúa como un ‘sistema de peaxe’ para moléculas do propio corpo senón que xoga tamén un papel fundamental regulando a entrada de medicamentos no cerebro”, explica Miguel López.

O obxectivo da investigación, pois, pasou por empregar estas vesículas extracelulares que "son tan pequenas que se poden colar sen pagar a peaxe a través da barreira hematoencefálica", en palabras do mesmo investigador, que destacan que si son o suficientemente grandes como para ser “cargadas” con outras moléculas, por exemplo un fármaco, e actuar como mecanismo de transporte. Serían unha especie de "vagóns moleculares", tal e como sosteñen Milbank e o doutor López, que poderían axudar a frear unha das principais enfermidades do primeiro mundo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta