O BNG reclamará que o Goberno anule as prórrogas da AP-9 e avoga por estudar o seu rescate

Luís Bará sostén que "compensa" indemnizar a Audasa para que a autoestrada "sexa de xestión pública e gratuíta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta reclame que o Goberno central anule as prórrogas da concesión da AP-9 e apostou por realizar un estudo sobre o custo que levaría o seu rescate. Así, busca que o Executivo que preside Pedro Sánchez responda favorablemente á carta de emprazamento de Bruxelas e, deste xeito, inicie os trámites para anular as prórrogas da concesión que, segundo considerou o organismo europeo, tramitáronse vulnerando a normativa comunitaria de contratación e concesións públicas.

A este respecto, denunciou que o Goberno "ampliase o contrato da concesión de maneira irregular, sen iniciar un procedemento de licitación pública" e puxo o foco en que a Comisión Europea considera que non se cumpriu a normativa de contratación pública vixente nese momento.

Neste sentido, o Bloque explicou que insta á Xunta a reclamar que o Goberno inicie os trámites para anular os convenios de ampliación da AP-9 de 2011 a 2018, de acordo con informes do Consello Consultivo de Galicia e a Comisión Galega de Competencia que os considera nulos por incumprimento da normativa de contratación e advirten sobre incrementos abusivos das peaxes.

O deputado nacionalista Luís Bará tamén asegurou que "compensa" indemnizar a Audasa para que a autoestrada que discorre polo Eixo Atlántico "sexa de xestión pública e gratuíta", tras o que lembrou que o rescate das radiais madrileñas supuxo un custo de máis de 4.000 millóns de euros.

Nesta liña, apostou por realizar un estudo do custo do rescate da concesión da AP-9 no que "se pondere a discriminación que supón que outras autoestradas da mesma época sexan agora xa gratuítas porque non se prorrogaron as súas concesións".

REFORZO DO SERVIZO DE CORREOS

Noutra orde de cousas, a formación nacionalista rexistrou no Congreso iniciativas sobre o estado e os servizos prestados pola Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos co obxectivo de demandar o seu reforzo ante a súa "situación de declive".

O BNG demanda así o mantemento do servizo público universal de Correos e a distribución de paquetería con persoal propio. Ademais, urxe datos comparativos entre 2011 e 2021 para coñecer a redución do horario de atención ao público en Galicia e de carteiros no rural.

Ante a "ausencia dunha estratexia a favor do mantimiento da actividade de Correos", o deputado nacionalista Néstor Rego avoga por unha aposta pola cobertura de servizos con persoal propio e unha diversificación da súa actividade. Tamén expón recuperar a Caixa Postal e ofrecer servizos financeiros mediante as oficinas e solicita ao Goberno "datos reais" sobre a situación económica da sociedade estatal.

O deputado nacionalista Luís Bará no Parlamento de Galicia. BNG
O deputado nacionalista Luís Bará no Parlamento de Galicia. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

AUDASA ameaza con reclamar 1.000 M€ + 46 M€ por pandemia ! E o único que se lle ocorre ao BNG-UPG é facerlles un Regalo de Nadal ? Cando aínda está pendente a resolución definitiva de Bruxelas, o lóxico sería chamar á cidadanía a asinar a protesta https://en-colectivo.com/ E logo veríamos o que lle correspondería a AUDASA coas leis comunitarias na man ! Aquí somos IDIOTAS !