O Consello de Colexios Médicos pide poder acceder ao historial clínico dos presos

Reclama a homologación da sanidade penal co resto do sistema público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Colexios Médicos reclama a homologación da sanidade penal co resto do sistema sanitario público en Galicia, porque entende que "só é posible coa súa integración no Sergas", xa que a poboación recluída "ten dereito a unha asistencia sanitaria con similar equidade e calidade que o resto dos cidadáns galegos".

"Tanto en Galicia como en gran parte do Estado, os médicos e demais profesionais sanitarios que traballan no ámbito penal, teñen grandes dificultades para desenvolver a súa practica asistencial con estas condicións", expón o Consello Galego nun comunicado de prensa.

Respecto diso, critica que a "falta de entendemento entre as administracións públicas, autonómicas e estatais, non é unha escusa aceptable para ningunha das dúas partes" para "acometer a transferencia e a integración no sistema sanitario público autonómico", matiza.

Así, indica que exemplos recentes, como o da Comunidade de Navarra, "demostran que non só é posible, senón imprescindible nun contexto como o penal", no que, subliña a entidade, "existen dificultades engadidas para as prestacións sanitarias e no que algunhas patoloxías como a saúde mental e as toxicomanías teñen importante incidencia". "E seguramente, están na orixe do exceso de mortes que cabería esperar nunha poboación relativamente nova", abunda.

En todo caso, e mentres se implementa esta integración, para os médicos galegos "non é aceptable", sostén, que os facultativos da sanidade penal "non teñan en Galicia acceso normalizado á historia clínica electrónica dos reclusos ou teñan dificultades para realizar algunhas probas diagnósticas ou prescribir determinadas terapias, habituais para a poboación xeral".

O Consello Galego de Colexios Médicos reclama que, "sen dilación, o dereito fundamental e universal á saúde alcance, sen restricións nin problemas engadidos, á poboación penal, a través dos seus excelentes profesionais sanitarios".

Prisión da Lama, en Pontevedra, cárcere.
Prisión da Lama, en Pontevedra, cárcere. | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta