Henge galegos: grandes círculos que abren a porta a un pasado descoñecido na historia de Galicia

Soterrados baixo terra, cubertos de eucaliptos, situados en pendente... Non teñen aínda nome propio e non deixan de aparecer ao longo do territorio galego. De respostar ás moitas preguntas que xorden ao redor destes círculos invisibles estariamos a coñecer un período moi descoñecido da nosa historia.

Por Alicia Casas | Lugo | 10/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando no 2006 escavaron a Roda de Barreiros descubriron un tipo de xacemento prehistórico descoñecido ata o momento en Galicia. E ante a ausencia de paralelismos con outros monumentos e as súas semellanzas cos das Illas Británicas, 'henge' foi a palabra escollida para darlles un nome. Pero xa dende os anos 30 do século pasado veñen tratando de definir que son os 'henge' e agora, xa no 2021, teñen identificado máis de 40 no territorio galego e que son realmente, os nomes precisos, son aínda pregunta. Moitas son de feito as preguntas que xorden ao redor destes círculos invisibles da Idade do Bronce. Respostalas dependenderá de intencións.

Muíño barquiforme de Ronchas, en Cervo
Muíño barquiforme de Ronchas, en Cervo | Fonte: Asociación Mariña Patrimonio.

Sábese polo de agora que son estruturas as máis das veces circulares e nalgúns casos ovais pero cunha diferenza entre os eixes pequena. Que hai catro grupos de tamaño e que a maioría está entre os 50 e os 70 metros de diámetro. Sábese que constan dun recinto circular rodeado na maioría de ocasións por un parapeto recheo por veces de pedras de distinto tamaño e delimitados tamén ás veces por un foxo que ten entre dous e tres metros de ancho e unha profundidade parella. Estes xacementos prehistóricos coñécense sobre todo na Mariña e aparecen tamén vencellados ao Miño e ao Sil na zona interior. Tamén hai algún cara Lalín, en Rianxo e cara Vigo, pero "Lugo como provincia é a protagonista sen dúbida".

Disto dá conta Pilar Prieto, profesora da USC que xunto co arqueólogo Luís Cordeiro estuda estas estruturas circulares dende o 2017 nunha investigación na que colaboran tamén o escritor e profesor de Xornalismo Manuel Gago e o presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda. Pilar Prieto conta que o traballo que teñen realizado é sobre todo de laboratorio, de identificación. Para localizalos empregaron a tecnoloxía LIDAR, que a partir dunha emisión de pulsos de luz láser que se mandan dende plataformas aéreas ou terrestres permite traballar e procesar a información de modelos dixitais do terreo e tamén con sistemas de información xeográfica.

A arqueóloga explica que esta ferramenta permite apreciar elementos que destacan moi ben na topografía. E é o caso destas estruturas circulares, pois segundo destaca a investigadora teñen un patrón ben definido e unhas dimensións bastante estandarizadas a diferenza dos castros. Buscar, compartir a información, e o impulso final a principios deste ano, cando o investigador Luís López defendeu unha tese coa que acabaron por identificar os 43 monumentos prehistóricos.

-- Pilar Prieto di que é un traballo que require moita paciencia. Revisar case centímetro a centímetro o relevo, acostumar o ollo, porque ao principio un ve moitas formas como casas ou castros ou torres. Manuel Miranda di: "comezamos a comunicarlles todas as que viamos a través de Internet, o confinamento foi moi bo, había moito tempo na casa!".--

Estrutura Circular de Ronchas , en Cervo, cuberta por eucaliptos.
Estrutura Circular de Ronchas , en Cervo, cuberta por eucaliptos. | Fonte: Asociación Mariña Patrimonio

Pero máis aló das características xerais que aparecen a partires das escavacións, nalgunhas agroman outras concretas. Na Roda de Barreiros atoparon no interior unhas pezas líticas con forma de menhir pequeno que semellan estar colocadas precintando ao redor. Tamén unha entrada ao recinto. Na de Ventosiños vasixas e pezas líticas. E entre os achados destaca ademais a proximidade de moitos destes xacementos ás mámoas. Algo se cadra confuso porque descoñecen se gardan algún tipo de relación: tanto as mámoas como os castros son abundantes no territorio galego e a datación é posterior. 

PAISAXES SACRAS SEN NOMES

"Estes xacementos non teñen elementos asociados ao desenrolo da vida cotiá", di Pilar Prieto. Non aparecen foxas de almacenamento, nin fogares, nin as típicas ferramentas utilizadas para labores agrícolas. E se están a vencellar estes asentamentos a unha función ritual e non de asentamento é en parte debido á ausencia ou presenza de elementos: “aparece moi pouco material cando se escava, fragmentos de material dispersos e nalgún caso os recipientes completos, algo máis típico dun contexto funerario”. Aparecen pezas que sobre todo teñen unha función descoñecida “como por exemplo unhas pezas redondas con perforación central”.

A arqueóloga explica que, ademais, na análise de sedimentos do xacemento de Ventosiños (en Coeses) identificaron unha alta proporción de fosfatos que se asocia sobre todo á presenza de material orgánico. “Ten lóxica que podan ser ósos, que non se conservan porque a terra galega é moi ácida e descompón moi rapidamente todo o orgánico”, sinala. Poderiamos estar entón ante unha necrópole ou algo similar pero a fotografía non é completa. Salvo na Roda e en Ventosiños as escavacións realizadas son moi pequenas e é preciso escavar máis de forma extensa.

Como necesario é pescudar os nomes. Un dos aspectos curiosos destes xacementos é que non semella haber toponimia nin folclore asociados. Pilar Prieto expón que entre os lugares clasificados si hai algúns con toponimia propia pero non saben se é recente ou antiga e exemplifica coa Roda de Barreiros, á que comezaron chamar castro logo de realizares a escavación. Tamén precisa que non hai polo momento un proxecto de campo e se cadra os nomes están por chegar, algo co que concorda Manuel Miranda:"non houbo un traballo de recollida do folclore e do que pode haber aí.  Ao mellor cando se faga, cando se fale cos veciños, pode haber algunha sorpresa".

COÑECER OS NOMES

Na Mariña Lucense existen dúas estruturas circulares da Idade do Bronce confirmadas nas escavacións:  A Roda e Lavandeira. Pero existen ademais dúas máis catalogadas como estruturas circulares e aínda sen escavar (Mourisca 1 e Mourisca 2) e cinco posibles recintos sen catalogar (castro de Castelo, Vilagoíz, Campo da Roda e Ronchas).

Manuel Miranda explica que dende a asociación, cando localizan un ben patrimonial, tentan ir visitalo e consultar cos arqueólogos para confirmar se é realmente un xacemento arqueolóxico. De confirmarse, piden a Patrimonio a súa inclusión no catálogo, que non sempre está polo labor:  "nun primeiro momento facíano sen problema pero a seguinte fase foi dicir a todo o que solicitabamos que non e a fase na que estamos agora é a de non contestar".

O presidente da Asociación Mariña Patrimonio lémbrase de cando no 2014 localizaron as dúas estruturas circulares na Mourisca, en Cervo. E lémbrase de cando tiveron que agardar a 2017 para que a Dirección Xeral de Patrimonio corrixise ao Servizo de Patrimonio de Lugo e decidira catalogar e protexer estes xacemetos arqueolóxicos. Non foi senón após o 2016, cando Mariña Patrimonio denunciou graves danos nunha das estruturas da Mourisca por mor dunha plantación de eucaliptos.

"Os de Servizo de Patrimonio de Lugo dixeron que non sabían que era aquilo, que o puñan como referencia. Pero iso non é incluílo no catálogo, non vale de nada. E asi foi que fixeron unha plantación de eucaliptos e alá meteron a paleadora. Causaron danos grandes ao xacemento, denunciámolo e nin siquera viñeron ver os danos que causaran" di Manuel Miranda.

Tamén recorda os 13.000 metros cúbicos de terra que sepultaron unha parte importante do recinto prehistórico da Lavandeira durante a construción da vía San Cibrao-Celeiro. Os máis de 200.000 euros que tivo que abonar Consellería de Infraestruturas cando a asociación mariñá informou á Dirección Xeral de Patrimonio da existencia deste ben patrimonial.

Manuel Miranda explica que as relacións co Servizo de Patrimonio de Lugo "non son moi boas" e que as solicitudes da asociación lévanas agora dende Santiago. Nin tanto cambiaron as cousas que cando solicitaron no 2017 a inclusión do xacemento de Ronchas, en Cervo, a Dirección Xeral de Patrimonio denegouna de novo, desta volta por silencio administrativo. "Nestes momentos nós debemos ter preto de 80 solicitudes para incluír bens patrimoniais no inventario e aí quedan, no caixón", zanxa.

Preguntado por se hai algún complexo eólico proxectado na Mariña que puidera afectar a estes monumentos prehistóricos, Manuel Miranda ri. Chancea: "temos uns cantos!". O problema, explica, é que hai moitos xacementos que non se ven e a súa destrución tampouco. "As noticias que teño eu falando con arqueólogos e mesmo arqueólogos que fan controis dos eólicos é que os xacementos arqueolóxicos inéditos coñécense dende que pasas coa pá por enriba e están caendo a montóns".

Sobre estes círculos invisibles na paisaxe, que apenas deixan pegada, reitera Pilar Prieto: son imprescindibles máis escavacións, concretar os datados. Engade: "sexa un 'henge' ou non non, penso que é importante porque é un novo tipo de xacemento descoñecido ata hai pouco. Se puideramos datar algúns máis e confirmalo, estariamos comezando a coñecer un período moi descoñecido en Galicia, o Bronce Final".

Roda de Barreiros,  primeiro 'henge', descuberto no 2006
Roda de Barreiros, primeiro 'henge', descuberto no 2006 | Fonte: Asociación Mariña Patrimonio
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta