O mes de outubro foi un mes seco e cálido en Galicia con case un grao de temperatura por encima do habitual

A característica máis destacable do mes pasado foi a temperatura, con valores no caso das máximas que se poden considerar incluso moi cálidos para esta época do ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2021 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O mes de outubro en Galicia caracterizouse por ser un período seco e cálido, xa que choveu un 19% menos do habitual e as temperaturas medias situáronse 0,97 graos por encima dos esperado.

Así consta no avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia, do que informou a Consellería de Medio Ambiente e que tamén destaca que as últimas semanas estiveron marcadas pola alternancia de períodos curtos pero intensos de borrascas, con outros anticiclónicos longos acompañados de aire cálido.

A característica máis destacable do mes pasado foi a temperatura, con valores no caso das máximas que se poden considerar incluso moi cálidos para esta época do ano. En todo caso, non hai que remontarse moi atrás para atopar outro outubro máis caloroso que o deste ano. De feito, o precedente máis recente foi o de 2017, cando a anomalía media da temperatura en Galicia foi de 2,43 graos máis.

En canto ao comportamento dos termómetros por zonas e aínda que en xeral as anomalías foron positivas, houbo contrastes dentro da Comunidade. Os valores máis altos en canto ás temperaturas medias concentráronse en zonas altas de Pontevedra, Ourense e Lugo, onde localmente alcanzaron ata tres graos por encima do habitual.

Ao contrario, no norte de Galicia e no Concello de Monforte de Lemos, os datos das temperaturas medias movéronse en valores próximos á media histórica polo que pode considerarse que estas zonas viviron un mes de outubro normal.

MENOS CHOIVA

Atendendo aos valores das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade, outubro foi un período seco en xeral, con choivas que se concentraron ao comezo e ao final do mes e cunha precipitación media acumulada de 141 litros por metro cadrado.

Segundo o informe de Meteogalicia, estes datos permiten considerar o mes seco en comparación co período de referencia, sendo o precedente máis próximo e do ano 2018, cando Galicia terminou outubro cunha anomalía media negativa do 31% en canto ás precipitacións. En xeral, no conxunto da Comunidade choveu un 19% menos do esperado aínda que cunha distribución territorial moi heteroxéneas e notables contrastes por zonas.

Así, os rexistros máis baixos concentráronse sobre todo na zona máis litoral da Mariña Occidental e nalgunhas localidades da comarca de Valdeorras, onde apenas se superaron os 40 litros por metro cadrado. Ao contrario, a maior cantidade de choiva acumulada produciuse na comarca do Xallas, con valores próximos ao 388 L/m 2.

A porcentaxe máis baixa de precipitacións alcanzouse, precisamente, na Mariña Occidental e en Ortegal, pero tamén en parte das comarcas da Coruña e de Terra de Trives, onde choveu ata un 61% menos do habitual; mentres que os rexistros máis altos de pluviosidad de outubro se arcaron na Baixa Limia e no concello lucense de Quiroga, un 55% por encima do valor climático de referencia.

Imaxe das follas caídas no outono no paseo do Anallóns, en Carballo (A Coruña) o pasado 17 de outubro
Imaxe das follas caídas no outono no paseo do Anallóns, en Carballo (A Coruña) o pasado 17 de outubro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta