Agustín Hernández contra Audasa: "Sempre demostrou un desprezo clarísimo aos cidadáns e ao territorio"

Ademais, o presidente do CES mostrouse convencido de que, se a Xunta finalmente faise coa propiedade da AP-9, a Administración galega exercerá as súas competencias sobre a autoestrada "con maior axuste á realidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2021 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, Agustín Hernández, volveu a cargar contra Audasa, empresa concesionaria da AP-9, porque "sempre demostrou un desprezo clarísimo aos cidadáns e ao territorio".

Nunha entrevista concedida este domingo ao circuíto galego de Radio Nacional (RNE), recollida por Europa Press, Hernández reafirmouse nas críticas vertidas cara a esta compañía xa en anteriores etapas da súa vida pública, tanto como alcalde de Santiago como conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta.

Neste contexto, reiterou que Audasa, "independentemente do momento histórico" da empresa en canto á súa titularidade privada ou pública, "sempre demostrou un desprezo clarísimo aos cidadáns e ao territorio, que en definitiva é peza crave" do seu negocio.

Ademais, o presidente do CES mostrouse convencido de que, se a Xunta finalmente faise coa propiedade da AP-9 (hai unha lei en tramitación no Congreso), a Administración galega exercerá as súas competencias sobre a autoestrada "con maior axuste á realidade".

AUMENTAR O PESO DA INDUSTRIA

Agustín Hernández tamén abordou a crise industrial de Galicia, causada por factores como a transición enerxética e a subida do prezo das materias primas e da enerxía; aínda que asegurou que hai outros sectores "que están nun bo momento, como o do automóbil".

Non en balde, avogou por "incrementar o peso do sector industrial" na economía galega do 15 por cento actual do PIB ata "polo menos o 20 por cento". Así mesmo, reclamou ás administracións un incremento en investimento en I+D+i, "polo menos ata chegar ao 2 por cento".

Con todo, preguntado sobre se o CES non podería mediar en conflitos laborais da industria, Hernández preferiu ser "respectuoso" coas competencias do Consello Galego de Relacións Laborais da Xunta, que é "o ámbito concreto onde se deben tratar esas cuestións". "Creo que, ademais, está a facerse con bastante eficacia, polo menos no ámbito dos convenios colectivos e das arbitraxes", explicou.

PECHE DE OFICINAS BANCARIAS

Achega do peche de oficinas bancarias en zonas do rural, o presidente do CES mostrouse partdario da dixitalización, aínda que recoñeceu que ten "consecuencias" para áreas afectadas pola "fenda dixital".

"Hai que pór enncima da mesa esas cuestións para que as administracións e os responsables de levar a cabo decisións para corrixir estes defectos, tomen esas decisións", aseverou, para seguidamente reclamar que todos os cidadáns "estean en pé de igualdade" en materia de servizos.

Noutra orde de cousas, Agustín Hernández reivindicou ao Consello Económico e Social como organización "que ten absolutamente interiorizado o concepto de consenso", algo que xa se practicaba "desde a súa orixe".

Así, quixo diferenciar os acordos adoptados no seu seo do panorama político. "Tanto a nivel de Galicia como do Estado español é difícil que os grandes grupos do ámbito parlamentario, xa sexa a nivel autonómico ou nacional, poidan acordar algo. É lamentable porque a situación é complicada", criticou.

"NON" BOTA DE MENOS A POLÍTICA

En clave máis persoal, Agustín Hernández recoñeceu que "non" bota de menos a política e agradeceu o traballo "máis sosegado, de máis análise e reflexión" que leva a cabo no CES, que leva a independencia como un "aceno de identidade".

Así, fronte ás críticas da oposición cando foi proposto para liderar esta institución --para o que abandonou a militancia do PP--, reivindicou que o que fai é "exercer profesionalmente" o seu traballo "con absoluta e total independencia, escoitando aos diferentes actores e facer de árbitro". "Creo que o resultado non é tan malo desde que adoptamos unha ampla porcentaxe, por non dicir a totalidade dos acordos, con consenso total", concluíu.

O presidente do CES, Agustín Hernández, entrega a memoria de 2020 da entidade ao titular do Parlamento galego, Miguel Santalices. PARLAMENTO
O presidente do CES, Agustín Hernández, entrega a memoria de 2020 da entidade ao titular do Parlamento galego, Miguel Santalices. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta