O Goberno é desleal sobre a crise de Vestas segundo a conselleira de Emprego

María Jesús Lorenzana esixiu tamén "coordinación" ao Executivo central sobre a reforma laboral.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2021 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A conselleira de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, acusou ao Goberno estatal de "deslealdade" con Galicia polo seu papel na crise de Vestas e pediu "coordinación" entre Vicepresidencias e "diálogo" con todos os axentes sociais na Reforma Laboral.

"Non está a apoiar nada o seguimento da procura dun comprador para Vestas nin ao comité de empresa. O súmmum chegou o pasado mércores, cando estaba convocada unha reunión e o ministerio non se presentou. Eu non o comprendo", censurou a conselleira nunha entrevista concedida a Cadea Ser e recollida por Europa Press.

Respecto da crise industrial encabezada por empresas como Vestas ou Alcoa, Lorenzana defendeu o papel xogado pola Xunta de Galicia, cun "apoio constante e continuo á parte social", "vixiantes en canto á negociación".

A responsable de Emprego, que ve "mala fe na negociación", lembrou que, no caso de Alcoa, a Xunta fixo 10 requirimentos, "base para que se puidese anual o ERE", e con Vestas, sinalou que xa presentaron tres. "Estamos a observar unha negociación nefasta", opinou Lorenzana, que pediu ademais "máis tempo".

"Estamos a buscar activamente desde o Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) un comprador para Vestas. Cremos que podemos atopalo pero necesitamos máis tempo. Desde a mesa industrial que presido sempre pedín á empresa máis tempo, pero quere pechar custe o que custe o proceso de despedimento colectivo", explicou.

Lorenzana comprende a "complicada" situación á que se enfrontan os traballadores, que deben decidir se apostan ou non por acordar o despedimento colectivo "cando non saben como vai ser o futuro".

REFORMA LABORAL

A conselleira de Emprego tamén comentou a futura reforma laboral para a que solicitou "coordinación" entre Ministerios e Vicepresidencias e "diálogo social". Ademais, o principal aspecto que critica Lorenzana é a falta de "estabilidade para os autónomos e empresas respecto da situación xurídico laboral".

"A reforma que se faga, hai que facela de forma coordinada e con pasos seguros. Para que un empresario contrate, ten que saber en que termos contrata", aseverou a conselleira, que incide no "desgoberno ou falta de coordinación absoluta" entre departamentos estatais.

Lorenzana sinalou que "contactar" coas Comunidades Autónomas podería "achegar" ao texto da reforma, que non coñecen, recalca. Insiste así na interlocución coas rexións para que non "se repita o que ocorreu noutras ocasións" como co Plan de rescate a autónomos e empresas, xestionado polo Ministerio de Nadia Calviño, do que reprochou a súa "tardanza". "Ese diñeiro chegou moi tarde e cuns requisitos que demostraban o descoñecemento real do tecido produtivo galego", lembrou.

SITUACIÓN MERCADO LABORAL

Por outra banda, Lorenzana defendeu o comportamento do mercado laboral en Galicia, así como os datos do paro. Así, a conselleira indicou que a galega é a única Comunidade onde o paro baixou durante oito meses consecutivos e recalcou a baixada do paro interanual, "que supera a media interanual do Estado".

Ademais, destacou que se recuperou xa o total de afiliacións de antes do inicio da pandemia e que os datos da EPA do terceiro trimestre mostran unha baixada da taxa de paro ata a 10% fronte ao 14,75% estatal. Sobre a subida do paro o pasado outubro, Lorenzana matizou que se trata dun aumento do 0,65%, "a menor subida de toda a serie histórica".

"Os sectores máis afectados pola pandemia --como o de servizos--, recuperáronse extraordinariamente ben", subliñou. Por último, cuestionada pola violencia lgtbifóbica, a conselleira de Igualdade non quixo "apuntar" cara ás mensaxes vertidas por formacións políticas nun posible aumento deste tipo de violencia.

Con todo, Lorenzana insistiu en "non deixar pasar por un segundo todo isto" e pediu seguir "concienciando á cidadanía e sensibilizándoa, sobre todo aos mozos". A este respecto, anunciou que a Consellería asinou un convenio co Colexio de Xornalistas para "tentar marcar as liñas de formación e sensibilización desde os medios de comunicación".

Arquivo - A conselleira María Jesús Lorenzana nunha imaxe de arquivo. Xunta de Galicia - Arquivo
Arquivo - A conselleira María Jesús Lorenzana nunha imaxe de arquivo. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta