Caballero incide en que o Grupo Parlamentario do PSdeG funciona "con normalidade"

Sinala que o seu mandato como secretario xeral acaba no Congreso, a partir do que Formoso definirá o rumbo do PSdeG.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia e secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero, incidiu este luns en que prevé "cumprir" co seu "deber" como deputado da Cámara galega ao longo de toda a lexislatura e sinalou que o Grupo Parlamentario Socialista "vai seguir funcionando con total normalidade".

Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo e preguntado pola súa situación política tras a vitoria de Valentín González Formoso no proceso interno para elixir novo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero lembrou que o seu mandato finaliza no próximo congreso que os socialistas galegos celebrarán os días 7 e 8 de decembro, momento a partir do que o secretario xeral electo deberá "definir o que quere construír de face ao futuro".

Neste sentido, subliñou que o Grupo Parlamentario Socialista "vai seguir funcionando con total normalidade", "dando resposta aos galegos e confrontando coa dereita do PP". "É o noso deber e os deputados van cumprir co seu deber ao longo de toda a lexislatura, para iso votáronnos os galegos, así o farei eu como portavoz e así o farán os demais membros do grupo", manifestou.

Gonzalo Caballero, que asegurou estar "relaxado, sereno e tranquilo" por facer o seu traballo á fronte do PSdeG "con dedicación e honradez", considerou que "que alguén que foi elixido como deputado" se manteña no cargo é o "normal" en termos de "calidade democrática" e de "respecto" á vontade dos cidadáns.

"Os galegos déronnos o seu voto, tamén para facer oposición no Parlamento de Galicia. Eu fun candidato (nas eleccións) e o normal é que sexa portavoz do Grupo Parlamento", sinalou para apuntar que, tras o congreso, "serán os novos responsables" do PSdeG "os que digan os que queren facer". "Eu vou seguir traballando con carácter positivo para ter o mellor PSdeG e que cada un tome as decisións que queira tomar", sostivo.

O político vigués lembrou a súa "longa traxectoria" como militante do PSdeG, na que atravesou "longas travesías do deserto ás veces en posicións moi minoritarias", para subliñar que o seu "compromiso con Galicia e co socialismo galego nunca está en cuestión". "E vou seguir traballando onde me puxeron os galegos, na oposición ao PP", apuntou.

"SABER GAÑAR E SABER PERDER"

Na súa intervención, tamén sostivo que en política "hai que saber gañar" e "hai que saber perder". "Cando os cidadáns nos poñen na oposición é unha responsabilidade e un deber saber facer oposición fronte ao PP e fronte á dereita e cumprir con Galicia. Ou é que cada un dos partidos que non accede ao goberno ten que acabar facendo dimitir a todos os seus responsables?", cuestionou.

Para o socialista, isto "non é nin o razoable" nin o que "pide a cidadanía". "Eu estou con forzas, con ganas, teño todo o compromiso de cumprir cos galegos no Parlamento de Galicia defendo as políticas de esquerda fronte ás políticas da dereita e todo o meu partido debe entender que nos debemos aos galegos e que se trata de traballar. E eu o que fago sempre é traballar desde a esquerda e por Galicia", subliñou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa deste luns na Cámara galega. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa deste luns na Cámara galega. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta