Galicia participa no maior catálogo de colisións de buracos negros e estrelas de neutróns

Investigadores da USC veñen de confirmar que os buracos negros de masa intermedia son unha "nova clase de buracos negros máis común no universo do que se pensaba".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Buracos negros "de todas as formas e tamaños" veñen de ser publicados no novo catálogo de ondas gravitacionais grazas á colaboración de LIGO, na que participa a USC, xunto con Virgo e KAGRA. Publicado este luns, trátase do maior catálogo de colisións de buracos negros e estrelas de neutróns, que actualiza a lista de todos os eventos de ondas gravitacionais observados ata a data con eventos observados entre novembro de 2019 e marzo de 2020.

Buracos negros. VIRGO
Buracos negros. VIRGO

Segundo sinalan dende a USC, para a realización do catálogo empregáronse tres detectores internacionais: os dous detectores do Observatorio Avanzado de Ondas Gravitacionais por Interferómetro Láser (LIGO) en Luisiana e o estado de Washington nos Estados Unidos, e o detector avanzado Virgo, en Italia. Os datos destes tres detectores foron "coidadosamente analizados" por un equipo científico da Colaboración Científica LIGO, a Colaboración Virgo e a Colaboración KAGRA.

E dos 35 eventos detectados, 32 son probablemente fusións de buracos negro: é dicir, dous buracos negros que viran un ao redor do outro e finalmente se unen, nun evento que emite un refacho de ondas gravitacionais. Mentres tanto, dous dos 35 eventos detectados poderían ser estrelas de neutróns e buracos negros que se fusionan, un evento moito máis raro e que só se descubriu na última serie de observacións de LIGO e Virgo.

Destas raras fusións de estrelas de neutróns e buracos negros, un evento parece mostrar un buraco negro masivo (unhas 33 veces a masa do noso Sol) cunha estrela de neutróns de moi baixa masa (unhas 1,17 veces a masa do noso Sol). Trátase "dunha das estrelas de neutróns de menor masa xamais detectadas". Dende a USC destacan que as masas dos buracos negros e das estrelas de neutróns son pistas chave para saber como viven as estrelas masivas e como morren nas explosións de supernovas.

Ademais, indican que os buracos negros catalogados son de distintos tamaños e o máis masivo ten unha masa 90 veces superior á do noso Sol. Varios dos buracos negros resultantes destas fusións superan 100 veces a masa do noso Sol e clasifícanse como buracos negros de masa intermedia. Este tipo de buraco negro foi teorizado durante moito tempo polos astrofísicos e estas últimas observacións de LIGO-Virgo- KAGRA confirman que "esta nova clase de buracos negros é máis común no universo do que se pensaba"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta