A Xunta pide valentía ao Goberno para prohibir a venda a perdas no sector primario

José González considera preciso regular esta cuestión para suprimir a actual descompensación que hai entre os distintos elos da cadea alimentaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2021 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, pediu valentía ao ministro de Agricultura, Luís Planas, para prohibir a venda a perdas nas relacións contractuais cos operadores do sector primario.

Esta tarde de luns, participou no Consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios, onde o conselleiro solicitou novamente ao Goberno central ter en conta a demanda de incorporar no artigo 12 da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria --actualmente en tramitación no Senado-- o recoñecemento dos resultados económicos da Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción. Así, o conselleiro incide en que o incremento nos custos de produción está a afectar ás explotacións agrogandeiras galegas, en especial ás de leite e de carne.

Neste sentido, insiste en que non se pode consentir que haxa venda a perdas no sector primario, polo que é preciso regular esta cuestión para suprimir a actual descompensación que hai entre os distintos elos da cadea alimentaria, concretamente entre produtores e industrias.

Nesta liña, o titular de Medio Rural reclama de novo a necesidade de facer unha revisión da normativa para construír un marco lexislativo que consiga o obxectivo de que calquera produtor agrícola ou gandeiro obteña un prezo polos seus produtos que cubra os custos de produción máis a marxe de beneficio que se determine.

Paralelamente, o conselleiro solicita ao ministro a activación de controis específicos por parte da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para o cumprimento da prohibición da venda a perdas.

Finalmente, José González trasladou ao ministro Planas o descontento e a preocupación que existe no seo do sector forestal de Galicia en relación coa Estratexia Forestal da Unión Europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta