A Xunta insiste que Sogama é un modelo "avalado" por Europa ademais de interesarlle a Formoso para A Coruña

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, respondeu así a unha interpelación parlamentaria formulada pola deputada do PSdeG Paloma Castro durante a sesión plenaria que este mércores tivo lugar na Cámara autonómica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2021 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu ante o PSdeG que o modelo de tratamento de residuos que leva a cabo en Sogama baséase nunha "xestión moderna e eficaz" que está "avalada" polas autoridades europeas e que esperta o "interese" de mandatarios do propio Partido Socialista, como o presidente da Deputación da Coruña e próximo líder da organización en Galicia, Valentín González Formoso.

A responsable do Goberno autonómico respondeu así a unha interpelación parlamentaria formulada pola deputada do PSdeG Paloma Castro durante a sesión plenaria que este mércores tivo lugar na Cámara autonómica.

Tras a defensa efectuada pola parlamentaria socialista sobre o sistema da planta de Lousame que dá cobertura á mancomunidade de municipios do Barbanza e que contrapuxo ao funcionaiento de Sogama, a conselleira replicou que este modelo conta con "o aval" de Europa e de responsables locais, incluídos da "cor política" socialista.

Neste sentido, asegurou que o gañador das primarias a Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitou a planta de Sogama "para implantar este modelo" na Deputación da Coruña. Así se defendeu a conselleira das críticas da deputada socialista, que acusou ao PP de "torpedear desde dentro e desde fóra" o modelo da planta de tratamento de residuos de Lousame.

Segundo a parlamentaria, os populares empregan a presidencia rotatoria da mancomunidade cando recae en rexedores do seu partido para actuar "con deixamento" e minusvalorar "a imaxe" e o "funcionamento" dunha planta que, di, presenta mellores cifras de tratamento de lixo e reciclaxe que aquelas que seguen "o modelo Sogama".

Isto, continuou, débese a que o PP, atendendo motivos partidistas, considera que "todo o que non sexa o modelo Sogama, non vale". Neste sentido, defendeu que a planta de Lousame presenta índices de reciclaxe "moi por encima da media galega", con máis de 35 quilogramos de residuos por habitante xestionados en comparación coas cifras de Sogama.

NOVO IMPOSTO ESTATAL

Na súa réplica, tras negar que a Xunta realice "política" con cuestións técnicas, a conselleira respondeu que os municipios da mancomunidade do Barbanza serán "dos que peor parados sairán" do novo imposto por tonelada de residuos a nivel estatal.

E é que, segundo expuxo Vázquez, "o 60%" dos residuos que tratan na planta de Lousame acaban no vertedoiro, o cal estará gravado con 40 euros por tonelada se se implanta o novo imposto aos residuos da Administración central.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento galego. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento galego. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta