Socialistas de Ourense inician unha marcha a Madrid para esixir "unha repartición xusta" dos fondos da Deputación

Gonzalo Caballero apoia a iniciativa para rexeitar a "repartición caciquil" de fondos públicos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/11/2021 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Os deputados e deputadas provinciais do Partido Socialista de Ourense comezaron unha peregrinación de 500 quilómetros ata Madrid baixo o lema "Un millón de pasos", para esixir "unha repartición xusta, equitativa e democráticq dos fondos públicos" da Deputación.

Marcha socialista a Madrid contra a repartición de fondos da Deputación de Ourense
Marcha socialista a Madrid contra a repartición de fondos da Deputación de Ourense | Fonte: PSOE.

Os socialistas reclaman "o amparo" das institucións estatais e do resto de España para "acabar coa repartición caciquil do goberno de Baltar" con "diñeiro de todos e todas".

Desde o quilómetro 0, a contorna do pazo provincial, os nove deputados socialistas saíron pasadas as 16.30 horas para comezar a súa ruta.

Camiñarán en quendas de tres, durante as 24 horas do día, co fin de chegar á capital española o luns 15 de novembro, antes do debate do estado da provincia que terá lugar o martes.

Durante o percorrido manterán encontros con cargos do Partido Socialista en Castela e León e á súa chegada a Madrid visitarán institucións estatais para pedir apoio "ante o caciquismo masivo e indiscriminado do goberno de Baltar", onde afirman que "nove de cada dez euros van a concellos gobernados polo Partido Popular".

"Estamos fartos dunha dinastía que se apropiou dunha institución pública", afeou Rafa Villarino, o portavoz socialista, minutos antes de iniciar a ruta, asegurando que con esta iniciativa expresan o malestar de rexedores ourensáns polo "proceder do PP" en contraposición aos plans locais das restantes deputacións de Galicia "onde o diñeiro si se distribúe democraticamente".

Pola súa banda, o secretario xeral saínte do PSdeG, Gonzalo Caballero, deu seu apoio á causa e subliñou que "é inadmisible a discriminación a tantos concellos" da provincia de Ourense.

"É intolerable a falta de rendición de contas e a repartición discriminatoria", manifestou, criticando que non só se discriminan aos concellos senón "tamén aos cidadáns da provincia".

Neste sentido, lembrou que os informes do Consello de Contas "foron demoledores" xa no mes de maio deste ano, sinalando que o 84% das subvencións do ente provincial concedéronse nominativamente e, ademais, "o 80% das contratacións fixas a través de adxudicacións sen publicidade nin concorrencia competitiva".

"Feijóo é o principal culpable de manter á dinastía Baltar no ente provincial", afeou Caballero, concluíndo que "non se pode consentir que se continúe coa senda caciquil".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Besteiro free

Unha boa noticia para as marisquerías entre Madrid e Ourense. Qué non volvan.