Outorgado o premio Ourensanía ao presidente do COE: "Non hai maior recoñecemento que o da túa terra"

Presentándose como un fillo da emigración, lembrou as súas vivencias en Ourense e a súa vinculación co deporte desde a infancia.

Por E.P. | OURENSE | 11/11/2021 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

Alejandro Blanco, o presidente do Comité Olímpico Español, recolleu o premio Ourensanía 2021, de mans do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. "Non hai maior recoñecemento que o que che outorga a túa terra", proclamou orgulloso.

Presentándose como un fillo da emigración, lembrou as súas vivencias en Ourense e a súa vinculación co deporte desde a infancia. "Detrás de cada historia hai unha historia de barrio e a miña comeza no que antes se chamaba rúa Xeneral Franco --a actual rúa Progreso--, pasaba todas as tardes xogando ao fútbol en partidos interminables", rememorou antes de detallar que "os partidos só paraban cando a Policía Municipal viña botarnos".

Con esta historia recolleu o galardón no escenario do Teatro Principal ao que se subiron o presidente da Xunta e o presidente da Deputación Provincial para enxalzar o traballo de Blanco.

O xurado do Premio Ourensanía 2021, liderado polo presidente provincial, acordou entregarlle o galardón pola súa traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, así como polo esforzo realizado para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokio, unha decisión que lembrou hoxe Manuel Baltar.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo referiuse a os galardoados co premio como "un facho que hai que aproveitar para iluminar o noso presente". Deste xeito aplaudiu a traxectoria de Alejandro Blanco apuntando que "sen el non se entende o olimpismo español e internacional" porque "é un compendio desas virtudes que permiten que os aneis olímpicos sexan unha bandeira na que todos nos podamos recoñecer". Así mesmo, trasladou que tanto as medallas como os diplomas "teñen un impacto emocional máis aló do Olímpico, incrementan o sentirnos mellor como españois".

O acto ademais contou cos vídeos de varios deportistas españois que felicitaron ao presidente do Comité durante a gala. O xogador de balonmán Raúl Entrerríos ou as deportistas Silvia Navarro, Carolina Marín e Teresa Portela foron algunhas das que lle dedicaron palabras de parabén polo galardón "na súa casa" e polo "esforzo que realiza á fronte do Comité".

"UN EMBAIXADOR DE OURENSE"

O premiado, licenciado en Ciencias Físicas e judoca--deporte no que é cinto negro 7 Dan, adestrador e árbitro--- recibiu o premio, unha figura elaborada por Xosé Cid, da man de Alberto Núñez Feijóo e o diploma que o acredita como premio Ourensanía 2021 da man do presidente da Deputación, Manuel Baltar.

"Coa cabeza moi alta digo que son un embaixador máis de Ourense", "Ourensanía é un sentimento peculiar que herdamos dos nosos antepasados e que representa os valores dos cidadáns da provincia", proclamou.

Acto de entrega do premio Ourensanía 2021. XUNTA
Acto de entrega do premio Ourensanía 2021. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 ecourensán

Incluso en tempos da ditadura esa rúa se chamou do Progreso, aínda que oficialmente figuraba como Xeneral Franco. Popularmente sempre se coñeceu pola rúa do Progreso. Do mesmo xeito ocurría coa rúa do Paseo (daquela, de José Antonio).

1 Sentidiño

Construiuse en 1840, e nos anos 60 do século XIX xa se chamaba Progreso.