A Xunta repartirá máscaras gratis aos estudantes de familias con renda inferior a 6.000 euros

É o mesmo rango que se estableceu para as axudas ao material escolar, cuxos beneficiarios recibirán automaticamente as máscaras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2021 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartirá máscaras entre os estudantes de ensino obrigatorio --primaria, secundaria e educación especial-- que pertenzan a familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar dos 6.000 euros.

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) este venres, o Goberno autonómico realizará "unha achega complementaria", procedente do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, "para que os centros docentes públicos dependentes da Consellería e os centros concertados afronten no presente curso a cobertura de necesidades sanitarias derivadas da covid-19".

Así, as máscaras distribuiranse entre o alumnado pertencente a familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar de 6.000 euros, que foi o limiar de referencia no curso 2021/22 para ter dereito á axuda para adquirir material escolar.

Aqueles estudantes que obtivesen dita axuda, recibirán directamente as máscaras, "previa comprobación da renda per cápita da unidade familiar".

Os que, por diferentes circunstancias, non fosen beneficiarios da axuda para adquirir material escolar, deberán solicitar expresamente as máscaras. Para iso, deberá pertencer igualmente a familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros ou estar matriculado en educación especial, estar suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou ter unha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda da unidade familiar.

SOLICITUDES

As solicitudes deberán presentalas os proxenitores, titores ou representantes legais do alumnado que non percibisen as axudas para o material escolar. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela do Executivo galego, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.

Deberán presentarse presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno co formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no propio centro ou no portal educativo --http://www.edu.xunta.gal--.

Ademais do Anexo I, os interesados deberán achegar o Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar) e unha copia do libro de familia ou documento equivalente. En caso de separación ou divorcio, deberán incluír a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Fotos Xunta / Educacion / Xunta Autonómica De Directores. Xunta de Galicia
Fotos Xunta / Educacion / Xunta Autonómica De Directores. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta