Traballadores do Chuac concéntranse para reclamar os días libres que lles deben pola pandemia

Denuncian que non hai planificación para que poidan recuperar esas horas. A xerencia responde que está a conceder días de libre en función "da demanda asistencial e a dispoñibilidade de profesionais necesarios para a substitución destas ausencias".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 12/11/2021 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Unha vintena de traballadores do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) concentrouse este venres pola mañá ás portas do Hospital Teresa Herrera para protestar polos días libres que lles deben, despois de dobrar quendas e traballar no seu tempo libre durante a pandemia.

Médicos da UCI renden unha homenaxe a persoal de enfermaría, auxiliares e celadores polo seu traballo na pandemia
Médicos da UCI renden unha homenaxe a persoal de enfermaría, auxiliares e celadores polo seu traballo na pandemia | Fonte: CHUAC.

Así o explicou a presidenta da comisión do Chuac, Lucía Peón, que anunciou que as concentracións serán nos catro centros hospitalarios que conforman o complexo sanitario. O luns concentraranse no Hospital Abente e Lago, o martes no Hospital Marítimo de Oza e o mércores no Hospital Universitario.

Segundo sinalou Peón, durante os dous últimos anos o persoal traballou cun "sobresforzo tremendo", e agora afirmou que non hai "planificación" para que poidan recuperar esas horas, que son necesarias para "conciliar a súa vida familiar e para a súa saúde".

No caso de que estas mobilizacións non obteñan resposta por parte da xerencia, os traballadores seguirán organizando máis mobilizacións. Polo momento non se contemplan outras medidas, aínda que non o descartan se non hai contestación por parte do Sergas.

RESPOSTA DA XERENCIA

Pola súa banda, a xerencia manifestou que está a conceder "todos os días de libre designación que permitan conciliar este dereito dos profesionais coa cobertura da demanda asistencial e a dispoñibilidade de profesionais necesarios para a substitución destas ausencias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta