Desestiman a demanda dunha aspirante a Navantia excluída por "exceso de madurez e coñecemento profesional"

Na sentenza, publicada o pasado 4 de novembro, o maxistrado apunta que debido a que Navantia é unha empresa pública, o acceso debe de rexerse "polos principios de igualdade, mérito e capacidade", afirmación que sustenta na lexislación vixente e en sentenzas do Tribunal Supremo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2021 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia


O titular do Xulgado do Social número 1 de Ferrol desestimou a demanda presentada por unha aspirante a unha das prazas de técnico superior júnior nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e que fora excluída por "exceso de madurez e coñecemento profesional".

O maxistrado considera que a candidata se presentou a unhas prazas júnior e que "cobra sentido" excluír á demandante por ter un perfil sénior, é dicir, de maior experiencia, categoría á que tamén se inscribiu pero na que non foi admitida ao estimar a empresa que non cumpría co perfil.

Na sentenza, publicada o pasado 4 de novembro, o maxistrado apunta que debido a que Navantia é unha empresa pública, o acceso debe de rexerse "polos principios de igualdade, mérito e capacidade", afirmación que sustenta na lexislación vixente e en sentenzas do Tribunal Supremo.

Tamén considera probado que a demandante obtivo unha das mellores puntuacións, pero a pesar diso, estima que debido á súa experiencia non pode ser consideraba como júnior, a pesar de que se lle permitiu realizar as probas de acceso e non foi rexeitada a súa inscrición, ao cumprir coas bases destas prazas.

Tras esta sentenza desfavorable a demandante xa anunciou que interporá un recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Arquivo - Proceso de construción dos buques AOR para a Armada australiana nos estaleiros de Navantia Ferrol. NAVANTIA  - Arquivo
Arquivo - Proceso de construción dos buques AOR para a Armada australiana nos estaleiros de Navantia Ferrol. NAVANTIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta