Os axentes portuarios coñecerán a estratexia de infraestruturas loxísticas para o Corredor Atlántico o martes

Pretende deseñar as actuacións necesarias para reducir os tempos de transporte de mercadorías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2021 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia presentará o vindeiro martes aos presidentes e operadores portuarios a estratexia de infraestruturas loxísticas prioritarias para o desenvolvemento do Corredor Atlántico de mercadorías. O encontro terá lugar na Cidade da Cultura e busca dar a coñecer os traballos realizados no marco da Estratexia Loxística de Galicia 2020-2028, impulsada polo Goberno galego.

Segundo informou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nun comunicado, a xornada presentaraa a titular do departamento autonómico, Ethel Vázquez, e participarán os presidentes das autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, ademais de representantes das de Vilagarcía de Arousa e de Marín.

Tamén asistirán operadores portuarios, a Confederación de Empresarios de Galicia, o Clúster da Función Loxística de Galicia e representantes das comunidades de Castela e León e de Asturias.

No encontro abordarase a análise e a planificación das infraestruturas prioritarias elaborada pola UTE Teirlog Enxeñaría e Iceacsa, adxudicataria do contrato de redacción da Estratexia Loxística de Galicia 2020-2028, que pretende deseñar as actuacións necesarias para reducir os tempos de transporte de mercadorías e sacar o rendemento do potencial de Galicia como porto da fachada atlántica.

Analizarase tamén a estratexia futura e o plan de acción proposto e someterase o documento a debate por parte dos distintos axentes, "de forma que se poidan considerar e incluír achegas".

INFRAESTRUTURAS "EFICIENTES"

"O obxectivo principal da Xunta é impulsar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal (Eixo Atlántico) e o conxunto da Unión Europea a través do Corredor Atlántico", indican no comunicado. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informa o programa de inspección de noiros e muros en estradas autonómicas. CONCHI PAZ - Arquivo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informa o programa de inspección de noiros e muros en estradas autonómicas. CONCHI PAZ - Arquivo

Con este fin, proponse unha rede de infraestruturas "eficientes" para o transporte en tren das mercadorías que permita dar soporte ás necesidades ferroviarias e loxísticas de Galicia. Inclúense así como estratéxicos para a Comunidade os proxectos do saída sur de Vigo e da conexión de tren a Langosteira, no porto da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta