A Xunta admite preocupación polo aumento de casos activos e insta á prudencia

Non descarta a adopción de medidas adicionais se fora necesario, pero empraza a ver a evolución diaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2021 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitiu a existencia de "preocupación" polo aumento de casos activos pola Covid-19, cun incremento de case o 5% diario en xeral en todas as áreas sanitarias, e instou á vacinación da poboación que aínda non o fixo.

En similares termos, pronunciouse o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, quen apelou á prudencia para non ter que aplicar medidas adicionais en canto ás restricións. Sobre esta cuestión, Comesaña recoñeceu que non descartan a adopción de novas medidas se fora necesario, aínda que precisou que calquera decisión a este respecto se adaptará en función da análise diaria dos datos.

Edificio en Pontevedra que albergará a partir do 19 de novembro de 2021 o novo punto de vacinación COVID poboacional, na sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta. ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O Salnés
Edificio en Pontevedra que albergará a partir do 19 de novembro de 2021 o novo punto de vacinación COVID poboacional, na sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta. ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O Salnés | Fonte: Europa Press

"Preocúpannos todas as áreas", dixo o conselleiro de Sanidade, a preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa visita á unidade de neonatoloxía do Hospital Materno Infantil da Coruña. No caso desta área, sinalou que está "lixeiramente por baixo da media galega", pero incidiu en que, en xeral, todas están a rexistrar "un incremento de case o 5% diario de casos activos".

Respecto da situación en Ourense, asegurou que tanto esta área como a da Coruña "adoitan ser premonitorias" da evolución da incidencia da Covid-19. En particular, destacou que, fronte aos brotes en Ourense procedentes do exterior, están a detectarse xa outros de carácter "autóctono".

SITUACIÓN ASISTENCIAL

A pesar diso, dixo que a situación asistencial "non preocupa", aínda que admitiu que "cando empezan a aumentar os casos activos non tardan demasiado en aparecer os casos en hospitalizados e en críticos".

Neste contexto, e á marxe da esixencia do certificado covid nas visitas a pacientes hospitalizados se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) así o autoriza, instou aos non vacinados a recibir a vacina. Sobre este colectivo, cifrou nun 6% a poboación que non a recibiu e animoulles a acudir aos puntos de vacinación abertos sen cita, de luns a sábado.

En canto ao proceso de vacinación, manifestou que no caso dos maiores de 80 anos está previsto terminar entre o 22 e o 23 de novembro e seguir coas vacinacións masivas entre a poboación de 70 a 79 anos a partir do día 19, así como fornecer a segunda dose aos que recibiron Janssen.

POSIBLES MEDIDAS

Preguntado tamén pola evolución da Covid e a posibilidade de que se adopten medidas adicionais para reducir a incidencia, o vicepreisdente primeiro da Xunta mostrouse confiado en que non sexa necesario, pero emprazou a esperar a ver como evoluciona a situación.

Dela, dixo que non é comparable á de hai un ano, pero incidiu en que a pandemia "segue aí", do mesmo xeito que os contaxios. Por todo iso, fixo un chamamento á prudencia, de face a evitar ter que adoptar decisións máis drásticas.

Como o conselleiro de Sanidade, remarcou o alto nivel de vacinación, pero insistiu na importancia de ser precavidos para que as medidas sexan o menos restritivas posibles, aínda que engadiu que se fose necesario tomar algunha "faríase".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta