Comeza este martes o traslado de carbón desde o porto de Ferrol á térmica de Endesa nas Pontes

O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes lembrou que en anos anteriores este colectivo "chegaba a trasladar entre 18.000 e 25.000 toneladas de carbón ao día".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2021 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Este martes iniciarase o traslado das 100.000 toneladas de carbón que se atopan almacenadas no porto exterior de Ferrol e que serán levadas por medio centenar de transportistas ao parque de carbóns que a empresa Endesa ten na central térmica das Pontes de García Rodríguez.

Así o asegurou o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, que reiterou que este porte realizarase en horario de mañá. Este número de transportistas é debido a que "a día de hoxe moitos camioneiros non están ao día en canto a documentación, xa que levan moito tempo parados, mentres que outros que están a traballar incorporaranse uns días máis tarde".

Bouza detallou que nestes momemntos o colectivo "ten un contrato en vigor onde pon moi claro que se respectará a cláusula do gasóleo, en caso de subida, máis o IPC. "Só temos que aplicar o que di o contrato. Oxalá o resto do transporte nacional estivese así", manifestou.

O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes lembrou que en anos anteriores este colectivo "chegaba a trasladar entre 18.000 e 25.000 toneladas de carbón ao día". Agora, continúa, "fálase que poden chegar ao porto de Ferrol unhas 160.000 toneladas". Delas, 100.000 toneladas xa están na cidade naval, ás que se sumarían outras 60.000 "en par de barcos que faltan". Con isto, estiman que o medio centenar de camións encargados do traslado ás Pontes terán "traballo para un mes e medio, aproximadamente".

CHEGADA SEGUNDO BUQUE

O segundo buque con carbón para a central atracou no porto exterior de Ferrol ás 21,30 horas do pasado domingo. A mercadoría que portaba o 'Bahri Trader', 80.000 toneladas de mineral, comezou a ser descargada na terminal que Endesa ten en Caneliñas.

O primeiro cargueiro con carbón para abastecer a central das Pontes chegou a finais de outubro con 20.000 toneladas no seu interior. Por tanto, Endesa dispón agora de 140.000 toneladas de carbón para a súa combustión, posto que, ás traídas por vía marítima nas últimas semanas, súmanse as 40.000 que están almacenadas desde hai meses no propio recinto da central.

Traballadores de auxiliares e delegados sindicais cortan os accesos á térmica e á central de ciclo combinado nas Pontes.. SINDICATOS
Traballadores de auxiliares e delegados sindicais cortan os accesos á térmica e á central de ciclo combinado nas Pontes.. SINDICATOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta