Sanitarios denuncian que o Sergas os obriga a traballar en días libres e "baixo ameaza de expediente"

A saturación da sanidade galega comeza a traducirse en coercións aos traballadores da Atención Primaria, que aseguran que as xerencias de Santiago e Pontevedra os estarían obrigando a traballar en días libres. Aseguran que a escaseza de persoal, agudizada pola pandemia, vén de atrás e foi agravada pola falta de previsión do Sergas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un ano máis tarde, volven xurdir denuncias de sanitarios galegos contra a xestión do Sergas. Traballadores de distintas áreas de Galicia aseguran que as súas respectivas xerencias os están obrigando a traballar en días libres e sen cobrar os pluses preceptivos: todo para loitar contra de saturación tras a cal habería máis razóns que o efecto da covid.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

As denuncias que estes días levaron ás primeiras mobilizacións no marco dos hospitais de Galicia concéntrase nos traballadores dos PAC. Estes exercen a profesión no maltreito escenario da Atención Primaria, aqueixada por un problema asistencial de tal calibre que mesmo a Xunta tivo que recoñecer, en xornadas pasadas, a necesidade de implantar melloras.

O persoal de PAC afectado encárgase, fundamentalmente, de tapar os ocos que se van abrindo na rede sanitaria do Sergas. Trátase de profesionais que cobren noites, festivos e fins de semana: horarios nos que o resto de profesionais están descansando. Tamén teñen a función de substituír sanitarios en períodos de vacacións ou baixas. O problema estaría en que, segundo denuncian, as xerencias de Santiago e Pontevedra estaríanos obrigando a facer horas fóra dos seus contratos e baixo ameaza de expediente.

Así o detalla unha traballadora anónima da área de Santiago contactada por Galicia Confidencial. Esta profesional, que prefire non desvelar a súa identidade por medo a represalias, detalla un proceder moi claro por parte do Sergas: “primeiro chámante por teléfono e avísante de que tes que cubrir a garda. Logo chega un correo interno. Saben que días traballas e que estás obrigado a ler o mail, así que o vas facer si ou si”, explica.

De acordo coa CIG-Saúde, que corrobora estas denuncias, a xerencia compostelá tamén estaría a notificar os seus traballadores por fax para chamalos a traballar en días libres. En calquera caso, o resultado é que este persoal acode aos centros onde é requirido baixo ameaza de expediente, segundo detallan. “Tamén está a posibilidade de que non te presentes e logo pase algo con algún paciente, porque entendo que terías responsabilidades. Así que ninguén se atreve a non ir”, precisa, pola súa banda, a sanitaria consultada. 

A mesma fonte detalla que este modelo, na práctica, correspóndese co sistema de garda localizada, no que o Sergas paga un extra ao traballadores por estar dispoñible en todo momento para ir a un ou outro Punto de Atención Continuada. Pero, neste caso, os sanitarios das distintas áreas afectadas non estarían a cobrar o plus estipulado.

Esta situación teríase desenvolto dende o verán pasado, se ben nun comezo as chamadas a capítulo non ían acompañadas do ton coercitivo que hoxe destacan as denuncias recollidas. Polo momento, apunta a CIG-Saúde, as ameazas de expediente estaríanse dando nas áreas sanitarias de Pontevedra e Santiago, mentres que as de Lugo e A Coruña tamén dan conta de notificacións para traballar en días libres, neste caso como “invitacións” ou “favores persoais”, explica Lucía Peón, secretaria comarcal da área herculina. 

FALTA DE PREVISIÓN NO PERSOAL

A saturación da sanidade pública e, en particular, da Atención Primaria, estalou nas últimas semanas coincidindo coa baixada de contaxios covid e a fin do proceso de vacinación. A Consellería de Sanidade xa recoñeceu, veladamente, que o servizo está a atravesar problemas, achacándoo ao impacto da pandemia e a falta de profesionais dispoñibles. Pero tanto sindicatos como traballadores consideran que as fendas hoxe apreciables veñen de máis atrás e gardan relación cunha política “curtopracista” da man do Sergas, en palabras de Peón. 

Mentres que a atención especializada sofre agora dificultades polos diagnósticos e tratamentos adiados na pandemia, a problemática da primaria ten que ver cunha falta de recambio do persoal, segundo detallan as mesmas fontes. A estrutura sanitaria galega acumula casos de baixas de longa duración que o Sergas, din dende a CIG, non estaría a cubrir na súa totalidade. David Vázquez, secretario comarcal de Lugo, cifra en cinco as prazas baleiras en centros da provincia pola falta de reemprazos. No caso de Santiago, explica a Confederación, a cifra de postos pantasma aumentaría a 40. 

XUBILACIÓNS E NOTAS MOI ALTAS

Doutra banda, a elevada taxa de xubilación de médicos dificulta aínda máis o labor, xa que o Sergas tampouco estaría a compensar unha retirada de sanitarios que podería ter sido prevista con antelación. De pouco serviu o anuncio de Núñez Feijóo ampliando a idade de xubilación ata os 70 anos en 2018. O problema, de acordo con Peón, está enraizado na propia formación sanitaria. “Faltan prazas de MIR e de Medicina”, destaca, aludindo ás “notas altísimas” da carreira. Neste aspecto, critica a decisión da Xunta de pedir agora ao Goberno 64 novas prazas de Medicina Familiar. “O cambio tiña que ser progresivo”, destaca. “Non se apostou por solucionar ese déficit dende o comezo”.

Galicia Confidencial contactou en tres ocasións cos responsables da área sanitaria de Santiago, sen recibir resposta ás denuncias recollidas nesta reportaxe. En ocasións anteriores, o conselleiro de Sanidade e outros altos cargos do Sergas xa apuntaron á falta de médicos como orixe do colapso actualmente atravesado. Porén, sanitarios e sindicalistas consideran que a Xunta tamén ten parte de culpa no desabastecemento de capital humano que se atravesa. Sosteñen, neste aspecto, que a “mala calidade” dos contratos de traballo rematou por expulsar aos traballadores da Primaria cara outras seccións. “A pesar de todo o que pasou, seguimos co mesmo modelo: contratos por días, por semanas... así non fidelizas á xente, non che collen o teléfono despois”.

Quen, polo momento, si collen o teléfono son os traballadores de PAC das áreas de Santiago e Pontevedra, aínda que sexa pola ameaza de expediente que denuncian. A traballadora anónima consultado polo GC dá conta dun sistema de chamadas “arbitrario”, no que o Sergas require aos traballadores dun día para outro --“ata só con dúas horas de antelación”-- sen dar conta dos seus criterios. Os sanitarios da área de Pontevedra xa anunciaron que non descartan ir á folga. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta