Visibilizar violencias machistas que "non se ven", obxectivo da campaña do 25N que volverá tinguir Santiago de negro

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/11/2021 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

Visibilizar as violencias machistas contra as mulleres que "non se ven" e "son máis difíciles de detectar". Ese é o obxectivo que se marca a campaña do 25 de novembro, Día contra a violencia machista, que un ano máis volverá tinguir Santiago de Compostela de negro.

Presentación da campaña 'Compostela en Negro' co gallo do 25N de 2021 contra a violencia machista
Presentación da campaña 'Compostela en Negro' co gallo do 25N de 2021 contra a violencia machista | Fonte: Concello de Santiago de Compostela.

Este mércores, a Casa Xohana Torres acolleu a presentación das actividades ao redor desta campaña nunha rolda de prensa na que a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, estivo acompañada por algunhas das artistas que decorarán os escaparates dos comercios composteláns para concienciar contra as violencias machistas.

"O primeiro paso para finalizar con este feminicidio é asumir que existe unha violencia contra as mulleres presente no noso sistema e froito dunha sociedade patriarcal. E o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller é unha boa data para lembralo", manifestou a edil santiaguesa.

A campaña deste ano 2021 céntrase en visibilizar aquelas violencias que padecen as mulleres e que se agochan baixo a "punta do iceberg" que supoñen, por exemplo, os asasinatos e os malos tratos físicos.

O deseño do cartel principal da campaña 'Compostela en negro' corre un ano máis a cargo de Uqui Permui, quen explicou que coa súa ilustración, na que palabras como "feminicidio" ou "asasinato" asoman na punta do iceberg e a base está constituída por outras ocultas como "desprezo", "culpabilizar" ou "anulación"; pretende alertar das violencias "cotiás".

"Esas que nos custa ver e cando as vemos xa é moi tarde", explica a artista gráfica. As palabras que figuran no cartel poderán lerse nos escaparates de bares e comercios da capital galega.

Ademais, a cidadanía en xeral poderá recoller estes materiais na Casa Xohana Torres para vestir as súas casas de negro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta