Roteiro contra a 'basuraleza' polo río Támega

A iniciativa está enmarcada dentro do “Proxecto Libera: 1m² contra a Basuraleza” que promove Ecoembes en colaboración coa ONG 'SE/BirdLife' e Cabreiroá. Terá lugar o vindeiro sábado 20 de novembro.

Por X.M. Fernández | Verín | 19/11/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Concello de Verín colabora na organización dun roteiro interpretativo polo río Támega o vindeiro 20 de novembro cuxa finalidade será concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo.

Río Támega. Foto: Prensa Concello de Verín
Río Támega. Foto: Prensa Concello de Verín

A iniciativa enmárcase dentro do “Proxecto Libera: 1m² contra a Basuraleza” promovido por Ecoembes, SE/ BirdLife -- unha ONG ambiental decana de España e centrada na defensa das aves e os seus espazos naturais-- e pola empresa local Cabreiroá, a través da súa iniciativa “Origen” --que ten como propósito xerar un impacto positivo na súa contorna, a través dunha serie de iniciativas que teñen sempre presente o respecto pola natureza--.

Neste roteiro, que terá lugar no tramo urbano do río Támega de Verín, os participantes irán acompañados por un guía naturalista que realizará unha interpretación dos recursos naturais observados durante o percorrido. Ademais, nesta ocasión, mostrarase como realizar unha caracterización de basuraleza, unha acción de ciencia cidadá que pode achegar valiosos datos para combater este grave problema ambiental.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse, ata o venres 19 de novembro, ás 15:00 horas, no email inscricions@verin.gal. A saída terá lugar ás 10:00 horas desde o aparcamento público da Preguiza, sendo a hora de prevista de finalización as 13:30 horas. Actividade apta para todas as xeracións, só fai falla animarse a participar nunha boa causa. Teléfono de contacto: 615 34 38 79.

Dándolle pulo a esta iniciativa, o Concello de Verín únese ao “Proxecto Libera: Unidos contra a  Basuraleza”. Proxecto Libera concibiuse no ano 2017 para frear as consecuencias da basuraleza (lixo abandonado nos espazos naturais) detectada nos diferentes ecosistemas españois.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta