A Xunta dá marcha atrás e non subirá os impostos ás rendas máis altas en Galicia

Semanas atrás, ponderaran incrementar o IRPF ás persoas que ingresaran máis de 100.000€ ao ano. A medida non se debaterá tras ser retirada do proxecto de lei.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

A incorporación dun novo tramo na escala autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) para aqueles ingresos superiores a 100.000 euros xa non se aplicará en Galicia. Os populares introduciron nas súas emendas parlamentarias ao proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, ás que accedeu Europa Press, unha modificación pola cal suprimen a subida deste imposto nas rendas máis altas.

O pasado 18 de outubro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, anunciaron un paquete de medidas fiscais, entre a que destacaron unha rebaixa para as "rendas medias e baixas" que supuña a supresión de dous tramos intermedios de cotización entre as rendas con base liquidable superior a 20.200 euros e as situadas entre 60.000 euros.

Paralelamente, incorporouse no proxecto de orzamentos un novo tramo que subía do 22,5 ao 23,5 a cotización no tramo autonómico para as rendas que superaban os 100.000 euros. A rebaixa fiscal no IRPF suporía un impacto de 60 millóns de euros nas arcas públicas, pero non se aclarou se esta cifra incluía a 'compensación' pola subida das rendas de máis 100.000 euros ou esta recadación 'extra' quedaba á marxe, nese caso xa non se producirá se sae adiante a emenda dos populares na Cámara galega.

En comisión parlamentaria, o titular da Consellería de Facenda calculou que a nova rebaixa suporá un aforro medio de 144 euros para un fogar con dous contribuíntes. Se sae adiante a proposta do Grupo Parlamentario Popular, ao que pertence o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quedarán fixados cinco tramos na escala autonómica do IRPF (do 9,4 por cento do primeiro ao 22,5 por cento con base liquidable de 60.000 euros en diante).

"MÁIS PROGRESIVIDADE"

Fronte a esta proposta, os grupos da oposición pretenden, segundo as emendas rexistradas, ás que accedeu Europa Press, unha fiscalidade "máis progresiva", cun total de oito tramos na escala autonómica, tanto no caso do BNG como do PSdeG, é dicir, manter as que había e engadir a das rendas de máis de 100.000 euros, como se incorpora no proxecto de orzamentos que entrou a tramitación parlamentaria. Os oito tramos serían os actuais: ata 12.450 euros; entre 12.450 e 20.200; entre 20.200 e 27.700; entre 27.700 e 35.200; entre 35.200 e 47.600; entre 47.600 e 60.000; e de 60.000 en diante.

Consello de aprobación do proxecto de orzamentos da Xunta para 2022. XUNTA
Consello de aprobación do proxecto de orzamentos da Xunta para 2022. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta