A Xunta promete subir o orzamento da Atención Primaria ante as protestas de sanitarios e sindicatos

A oposición acusa á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria de lanzar "cortinas de fume" para ocultar a mala situación do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/11/2021 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrela López-Pardo, asegurou este xoves que en "próximas semanas" prevén comezar a negociar cos sindicatos en Mesa Sectorial o plan de reorganización de recursos humanos para a Atención Primaria, algo "moi demandado".

Así o explicou nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia para informar o desenvolvemento das reformas previstas no documento estratéxico 'Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde'.

López-Pardo ratificou, ademais, que a próxima reunión do Consello Técnico de Atención Primaria presentarán carteiras de servizos de varias categorías sanitarias, entre as que se inclúen médicos de familia, enfermaría, traballadores sociais e farmacéuticos deste nivel asistencial. Deste xeito, afirmou que se cumpre o anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no último Debate sobre o Estado da Autonomía. Con todo, recalcou que "unha carteira de servizos non é nada sen unha organización innovadora".

A directora xeral lembrou que os problemas na sanidade son "comúns a todos os territorios nacionais", á vez que defendeu o "enfoque transformador" da Consellería de Sanidade. Aínda que admitiu que "as medidas cortoplacistas non son suficientes", resaltou os "avances organizativos nos últimos meses", ademais de "outros a acometer". Respecto diso, insistiu en que "todas as medidas están sostidas no permanente diálogo con profesionais e axentes implicados". Ademais, lembrou a comisión creada para realizar unha "avaliación continua e independente da estratexia", que proporá "medidas correctoras e alternativas" de consideralo.

López-Pardo reivindicou a maior presencialidade das consultas en Atención Primaria, que "xa supera o 60 por cento en tres áreas sanitarias". Ademais, nesa "recuperación da normalidade" tras a pandemia, resaltou que un 87 por cento das consultas en Atención Primaria aténdense "en menos de catro días". E incidiu que na área da Coruña e Cee se stitúa nun 85%, na de Ourense nun 89% na de Lugo ascende a un 92%.

E apuntou que en 2022 aumentará o investimento no capítulo de persoal de Atención Primaria que "desde 2008 a hoxe" conta cunha media de profesionais de "8.692 a 9.286", o que supón un incremento de "584 profesionais que traballan diariamente" neste nivel asistencial.

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrela López-Pardo,na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.. XUNTA
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrela López-Pardo,na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.. XUNTA | Fonte: Europa Press

OPOSICIÓN

Por parte do PSdeG, Julio Torrado reprochou que nos anos de goberno de Mariano Rajoy co PP non reclamasen máis prazas MIR. "Nin unha soa", lembrou, para matizar que "resulta doloroso que agora digan que mal con 142 e calaban anos con menos de 100".

A parlamentaria do BNG Montse Prado criticou que a directora xeral na comisión "non fixo ningunha achega nova". "Viño a facer unha manobra de distracción", sostivo. E pediulle que "escoite o clamor" da poboación, en referencia á manifestación do pasado domingo en Santiago en defensa da Atención Primaria. "Menos anuncios e menos fume e medidas concretas. Sería bo que escoitase o clamor que non avala nin minimamente o traballo das políticas sanitarias que fai o PP", demandou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta