O alcalde de Mazaricos, ante os eólicos: "non imos permitir que o concello se convirta nunha colonia"

“Non imos permitir que ningunha empresa veña aquí con prepotencia, malos modos ou amedrentando aos veciños”, incide o rexedor nacionalista.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Punto e final a un dos principais proxectos que ameazaba a paisaxe de Mazaricos. O Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso da empresa promotora dun parque despois de que o TSXG paralizara a concesión da licencia administrativa en favor dos intereses da veciñanza do municipio coruñés. A decisión vén de ser celebrada polo rexedor local, Juan Blanco (BNG), que destacou a súa oposición a que Mazaricos troque "nunha 'colonia'".

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia.

O rexedor apuntou, nun comunicado feito público este xoves, que a decisión do Supremo vai na liña do agardando dende o consistorio. De igual forma, asegura que "van seguir traballando" para evitar que se produzan "esta clase de abusos" que imputa a parte dos promotores eólicos que actúan en Galicia. “Non imos permitir que ningunha empresa veña aquí con prepotencia, malos modos ou amedrentando aos veciños”, asevera o alcalde. 

Blanco reitera que o concello "non está en contra da enerxía eólica”, pero que non dubidará en defender "por riba de toda consideración" os dereitos da veciñanza que se vexan "conculcados". É por iso que dende o Concello están a impulsarse tamén alegacións ao proxecto de Parque Eólico A Picota, que se atopa xa en fase de exposición pública e que Juan Blanco define como “auténtico despropósito”.

“Imos movernos en todo momento procurando o benestar dos nosos veciños e asegurándonos de que non se producen abusos dende as empresas eólicas, nin ameazas para forzar ás persoas propietarias a desfacerse dos seus terreos a baixo prezo baixo ameaza de expropiación”, asegura o alcalde.  “Non imos permitir que se converta Mazaricos nunha 'colonia' na que se explote o territorio pisoteando aos seus habitantes e os seus dereitos, cargándonos de todos os custes ambientais e sen ningunha clase de compensación no municipio”, enfatiza. 

"Esta decisión do Supremo", inciden dende o ente local, "vén apoiar a tese do Concello: a de que non se pode, coa lei de montes na man, emprazar o parque na ubicación prevista. A finais de 2020, o Concello e a Comunidade de Montes de Porrei, así como varios veciños a título invidual, solicitaron a paralización cautelar da licenza que Eurus estaba a tramitar. A ubicación prevista pola empresa era en terros de Arcos e Colúns, en zonas que, debido ao feito de ter sufrido incendios forestais nas últimas décadas, non podían ser destinadas ao aproveitamento eólico". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta