Feijóo carga contra a supresión dos exames de recuperación: "Dinimúe capacidade de esforzo"

Feijóo asegura que están analizando xuridicamente o proxecto do real decreto e, unha vez publicado no BOE, decidirán se o recorren.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou que o Executivo autonómico está a someter a análise xurídica o proxecto de real decreto estatal de avaliación e promoción, co que, entre outras cuestións, se pretenden eliminar xa neste mesmo curso os exames de recuperación en ESO; e ratificou que, unha vez que sexa publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE), o seu Goberno verá se o recorre.

Non en balde, tras a reunión semanal do seu Executivo, o presidente respondeu que a súa "opinión" é que esta é "unha decisión moi mala" para toda a comunidade educativa e que introduce "enormes incertezas" no sector, ademais de "diminuír capacidade de esforzo" ao alumnado e "restar autoridade" ao profesorado.

A preguntas dos medios, criticou que o Goberno "leva meses dando bandazos" no que respecta á lexislación educativa, ademais de "enganar as autonomías". "A ministra anterior tiña un proxecto, a nova ministra ten outro, pero este e o outro converxen na mesma cuestión: que dá igual aprobar que suspender ou estudar que non estudar", censurou.

"E espero que dentro de pouco non dea igual presentarse a un exame que non facelo", apostilou, antes de reafirmarse en que o seu Goberno, na liña do xa trasladado, considera "un erro" este real decreto, "negativo" para o sector educativo, as familias e o estudantado, "que terá menor formación que os seus antecesores".

En fronte, reivindicou que o obxectivo de Galicia é "diminuír o abandono escolar", á vez que celebrou "conseguilo nos últimos anos" e lamentou que, no polo oposto, parece que o fin do Executivo central é "baixar o nivel escolar".

A "CULTURA DO ESFORZO", FUNDAMENTAL PARA FEIJÓO

"Que é o que estamos a facer? Analizar a cuestión xuridicamente. Entendemos que hai unha invasión de competencias e entendemos que un Ministerio non pode decidir unilateralmente o sistema educativo nun país no que a competencia en educación lle corresponde ás comunidades. Estamos a estudalo xuridicamente e, unha vez que estea publicado no BOE, valoraremos a posibilidade de recorrer, por suposto", esgrimiu. "Entendemos que a cultura do esforzo é fundamental en calquera actividade e máis no ámbito educativo", resolveu.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparece tras o Consello.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparece tras o Consello.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta