A familia Franco recorre o arquivo da causa contra os '19 de Meirás'

Os chamados '19 de Meirás' advirten: "Non lles temos medo e non nos van a calar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

A familia Franco e a Fundación Francisco Franco presentaron un recurso contra a resolución do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos que ordenou o arquivo da causa contra os 19 activistas que accederon ao Pazo de Meirás, en Sada, durante unha protesta no ano 2017.

A plataforma de activistas, coñecida como '19 de Meirás' polo número de persoas (entre as que hai militantes do BNG, incluído o deputado Néstor Rego) que no verán de 2017 entraron no pazo para reclamar a súa devolución ao patrimonio público, informaron do recurso presentado pola familia Franco e a fundación na súa honra, encargada da xestión de Meirás ata a sentenza que concedeu a titularidade do complexo ao Estado.

O colectivo cualifica o paso dado pola familia Franco como "un esperpento máis". "Os herdeiros do franquismo seguen na súa obsesión de tentar amedrentar os demócratas que denunciamos o espolio da ditadura", sinalou o portavoz dos '19 de Meirás', Anxo Louzao. "Dicímosllo alto e claro: non lles temos medo e non nos van a calar", incidiu nun comunicado difundido aos medios, no que enxalza a acción levada a cabo no ano 2017 "que sen dúbida contribuíu a poñer o foco político e mediático nun símbolo do espolio franquista en Galicia como é o Pazo de Meirás".

SOBRESEMENTO DA CAUSA

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos acordou o pasado 9 de novembro o sobresemento provisional e arquivo da causa contra os activistas denunciados polos herdeiros de Franco por unha protesta celebrada en 2017 na o Pazo de Meirás durante a que accederon ao inmoble para reclamar a súa devolución á sociedade.

Os feitos remóntanse á mañá do 30 de agosto de 2017, cando este grupo de persoas, entre os que se atopaban diversos membros do BNG (como o deputado Néstor Rego), accederon tanto á leira, ao interior do Pazo como á súa cuberta, tras rubir polos muros perimetrales da propiedade.

Segundo recolle o atestado sa Garda Civil de Sada, un dos grupos permaneceu no xardín do Pazo, algúns deles subidos ás balaustradas, con pancartas nas que se lía 'Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis'. O outro subiu ao tellado do torreón, onde despregou unha pancarta vertical a través da fachada do Pazo co lema 'O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo nunca máis'.

Na súa resolución, a maxistrada considera que "non pode atribuírse a responsabilidade a todos e cada un dos intervintes, dun modo xenérico, individualizado ou discriminado", xa que non pode determinarse "en ningún dos investigados" a causación de danos na cuberta e muros do inmoble. Por tanto, ao non aparecer "debidamente xustificada a perpetración dos delitos", así como a persoa individualmente responsable deles, decidiu acordar o sobresemento provisional e arquivo da causa fronte a 17 dos investigados.

Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás. 19 DE MEIRÁS
Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás. 19 DE MEIRÁS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Haberá que recoñecerlles o mérito aos 19 de Meirás ! Daquela parecíame unha acción fóra de lugar, e que non tiña moito interese para a xente do común... Hoxe recoñezo que a súa acción foi valente e os resultados bos e xenerosos ! No que respecta ao recurso, desexarlles tanto á familia Franco como á Fundación Franco : que se pasen a vida pleiteando contra o sentido común... a ver se así comprenden que o tempo dos privilexios rematou !