Un botón de emerxencia... así avisarán os nenos do rural se o profesor está en perigo

Estará operativo en centros unitarios, infantís e integrados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

As escolas públicas galegas atendidas por un único docente disporán dun botón para que as nenas e nenos poidan avisar no caso de que se produza unha emerxencia. Os centros que cumpran cos requisitos para implantar a medida, pensada para escolas unitarias, infantís e integradas que nalgún momento da xornada estean atendidas por un único profesor, contarán con este dispositivo.

Así, os alumnos poderán alertar aos servizos de emerxencia no caso de que o docente se atope indisposta. Ao accionar o botón emitirase un aviso ao 061 para que envíe os medios necesarios ao centro. Ademais, os profesionais da central do 061 poderán comunicarse a través dun altofalante cos alumnos para atendelos e acougalos ata a chegada dos profesionais de emerxencias.

Outra das características do sistema é que pode descolgarse da parede para ser levado a outros puntos do centro e mesmo fóra del, segundo detalla a Xunta nun comunicado. Este venres, os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron en Moraña a Escoal de Educación Infantil (EEI) de Amil, un dos centros que xa contan con este sistema.

"Somos conscientes de que tanto o alumnado como o profesorado pasan unha gran parte do seu tempo nos centros educativos e por iso é imprescindible saber responder de maneira áxil e adecuada a este tipo de emerxencias ou eventualidades", sinalou Román Rodríguez.

Segundo concretou, a Xunta repartiu 151 dos 175 botóns que estarán operativos nas escolas unitarias e colexios rurais agrupados que disporán dun sistema que a Administración autonómica non descarta implantar "en todos os lugares onde sexa necesario".

Pola súa banda, o titular de Sanidade puxo o acento na importancia de reforzar as medidas de seguridade nos centros educativos, onde tamén levan a cabo programas de reanimación cardiopulmonar ou o coñecido como 'Alerta Escolar'. Sobre este último, García Comesaña apuntou que o programa, creado en 2007, logrou a inscrición nestes anos de case 8.000 estudantes con distintas patoloxías, desde alerxias a epilepsias ou diabetes.

Uns alumnos dunha escola infantil galega proban o botón de emerxencia instalado en caso de indisposición do profesor. LUÍS POLO / XUNTA / Europa Press
Uns alumnos dunha escola infantil galega proban o botón de emerxencia instalado en caso de indisposición do profesor. LUÍS POLO / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta