A ciencia explica por primeira vez as singularidades do can de palleiro, raza galega que estivo a piques de extinguirse

Investigadores da Facultade de Veterinaria en Lugo describéna como “unha raza de traballo, con características de garda e, especialmente, de pastoreo”, tras someter 177 exemplares a varios tests no que, din, “é o primeiro estudo realizado" nesta raza.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Can de aspecto semellante ao lobo, constitución robusta e tamaño medio, que está recoñecido como raza autóctona galega”. Esta é a definición que proporciona o Dicionario da Real Academia Galega sobre o can de palleiro, unha raza que estivo a piques de desaparecer pero que recobrou popularidade nos últimos tempos, tamén entre científicos.

Cans de raza palleiro, autóctona de Galicia
Cans de raza palleiro, autóctona de Galicia | Fonte: Club da Raza Can de Palleiro.

Investigadores da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela e do Hospital Veterinario Bom Jesus de Braga (Portugal) analizaron diferentes trazos de comportamento no que, din, “é o primeiro estudo realizado na raza can de palleiro mediante diferentes probas validadas cientificamente”. “Curiosamente”, engaden, “non se publicou ningunha investigación previa sobre o comportamento desta raza”.

“O can de palleiro está a medrar rapidamente en popularidade. Porén, a evidencia científica das súas características de comportamento aínda é moi limitada”

Esta investigación, explican, “supón un punto de partida para o estudo do comportamento do can de palleiro, que parece ser unha raza de traballo, con características de garda e, especialmente, de pastoreo”.

“O can de palleiro está a medrar rapidamente en popularidade como unha raza de animais de traballo e de compañía. Porén, a evidencia científica das súas características de comportamento aínda é moi limitada”, expoñen os autores do traballo.

O obxectivo do estudo foi obter unha comprensión máis profunda dos trazos condutuais e temperamentais do can de palleiro e detectar calquera comportamento potencialmente problemático. Para iso, os investigadores valéronse do cuestionario de investigación e avaliación do comportamento canino (C-BARQ) e unha proba de comportamento socialmente aceptable coa que se avalía directamente o temperamento dos animais.

O C-BARQ (Canine Behavior Assessment and Research Questionnaire) foi deseñado polo profesor James Serpell e colaboradores na Facultade de veterinaria da Universidade de Pennsylvania (Estados Unidos). Este cuestionario, que cobren os donos dos cans, constitúe na actualidade un estándar amplamente recoñecido para a avaliación do comportamento canino e é utilizado tanto en investigación científica como por veterinarios e adestradores de cans. Trátase dun cuestionario de 100 preguntas que describen diferentes formas en que os cans adoitan responder a eventos comúns, situacións e estímulos. As respostas son agrupadas en 14 trazos de comportamento: agresión dirixida a estraños, agresión dirixida a propietarios, agresión dirixida a outros cans, medo dirixido a outros cans, agresión a cans coñecidos, capacidade de adestramento, persecución, medo dirixido a estraños, medo non social, problemas relacionados coa separación, sensibilidade ao tacto, apego/procura de atención, excitabilidade e enerxía.

No estudo foron incluídos 377 cans, 177 dos cales eran da raza palleiro e o resto, doutras representativas en Galicia, para comparar resultados

En canto á proba de comportamento socialmente aceptable, esta comprende 16 subprobas que analizan a postura e as respostas de comportamento a diferentes estímulos. Trátase, polo tanto, dunha verificación do nivel de sociabilidade dun can, observando sobre todo as reaccións que este mostra ante estímulos que poidan ocasionarlle problemas de conduta ante outros cans, persoas, vehículos ou outros animais, obxectos, ruídos, etc.

No estudo foron incluídos 377 cans, 177 dos cales eran de raza palleiro (46,9%) e o resto, doutras razas representativas en Galicia, para comparar resultados. A información do comportamento para todos eles obtívose mediante o C-BARQ, mentres que unha mostra seleccionada aleatoriamente de 32 cans completou o a proba de sociabilidade (19 cans de palleiro e 13 doutras razas, incluíndo un pinscher miniatura, un teckel, un caniche, un pastor alemán, un podengo e oito cans de razas mixtas de diferentes morfotipos).

DIFERENZAS CON OUTROS CANS

Tras analizar os resultados das probas, os investigadores determinaron que a raza can de palleiro mostra menos agresión dirixida ao propietario, menos medo dirixido a outros cans, menor excitabilidade e medo non social, menos problemas relacionados coa separación e mellor capacidade de adestramento, comparado cos demais cans.

Os investigadores atoparon “diferenzas significativas” entre os cans de palleiro e os demais. Por exemplo, a raza palleiro mostrou “puntuacións significativamente máis altas” en agresión dirixida a estraños, agresión dirixida a outros cans, capacidade de adestramento, persecución e enerxía, e “significativamente máis baixas” en agresión dirixida a propietarios, medo dirixido a outros cans, agresión a cans coñecidos, capacidade de adestramento, persecución, medo dirixido a estraños, medo dirixido a estraños, medo non social, problemas relacionados coa separación, excitabilidade e sensibilidade táctil.

"O can de palleiro parece ser unha raza de traballo con características de garda e, especialmente, de pastoreo”

Detalladamente, os resultados indicaron que os cans de palleiro tiñan unha “menor tendencia a mostrar agresividade cara aos seus donos e menos medo a outros cans, así como niveis de adestramento máis altos”, destacan os autores do estudo, que tamén salientan que esta raza galega tamén ten “maior probabilidade de mostrar un comportamento de persecución”. Por outro lado, apuntan, a raza palleiro mostra “menos probabilidades de medo non social, de problemas relacionados coa separación e de excitabilidade”.

Estes investigadores recordan que o estándar da raza tamén informa que os cans de palleiro son “animais leais e dóciles cos seus donos”, ademais de mostrar un “temperamento estable”. Descrición que agora é avalada cos resultados do seu estudo.

“Esta investigación actual supón un punto de partida para o estudo do comportamento do can de palleiro. Segundo as diferenzas nos trazos de comportamento entre os cans de palleiro e os demais cans que medimos neste estudo, os primeiros parecen ser unha raza de traballo con características de garda e, especialmente, de pastoreo”, conclúen.

Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista científica internacional Animals e están asinados por Susana Muñiz de Miguel, Francisco Javier Diéguez , Joao Pedro da Silva Monteiro, Beatriz Parra Ferreiro Mazón e Ángela González Martínez.

UNHA RAZA QUE ESTIVO A PIQUES DE EXTINGUIRSE

Como ben lembran estes expertos, ou pastor galego, é unha raza que estivo en perigo de extinción. A principios da segunda metade do século pasado, os cruces que se fixeron entre o can de  palleiro e outras razas de pastores europeos –principalmente o alemán– levaron á súa case extinción a finais da década de 1990, pero hoxe día a demanda de individuos de pastor galego puros levou novamente a un gran auxe da raza.

Entre 2017 e 2021, a poboación de exemplares de can de palleiro rexistrados aumentou máis dun 90 %

Na súa recuperación xogou un papel determinante o Club de Raza Can de Palleiro, fundada en 2002, a única entidade recoñecida e autorizada pola Xunta de Galicia para a recuperación, mellora, selección, fomento, difusión e xestión do Libro Xenealóxico da Raza Canina Autóctona Can de Palleiro e, polo tanto, a única que pode asegurar a condición de pureza dun exemplar (o pedigree).

Segundo datos do Club, entre 2017 e 2021 pasouse de ter rexistrados 925 exemplares a un censo de 1.775 animais, un aumento de máis do 90 %.

O Club describe así o can de palleiro: “Empregado como can pastor, compaña e garda, dotado de gran polivalencia, xa que por todas as súas características morfolóxicas e de estabilidade psíquica, podería chegar a desenvolver funcións de can policía, en catástrofes, socorro, rescate, guía, narcotráfico, exército, etc. Por outra banda, trátase dun fiel compañeiro e coidador que a miúdo vemos acompañando os maiores da casa nos seus paseos”.

Sobre o seu temperamento, destaca que estamos ante un “can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas, arreándoas e gardándoas, como tamén coida da casa”. E destaca cualifícao como un “gardián de proverbial intelixencia” que presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo, ademais, valente e mordedor, características que o fan un gran colaborador na condución e garda do gando”.

Tamén salienta a “gran fidelidade co seu amo” e que “coa xente da casa é dócil e tranquilo”. “É necesario destacar a estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor, polo que esta característica debe coidarse en extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados”, advirten.

A Consellería do Medio Rural di que é incorrecto denominalo can do gando, can das vacas, can da casa, can lobo ou lobeiro

En canto á súa morfoloxía, é descrito como un “animal “de tronco indoeuropeo, rústico e corpulento, de tipo lupoide [con aparencia de lobo], perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 centímetros na cruz, mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos (grosos), característica da súa rusticidade”. Pero malia a súa osamenta forte, “non dá unha sensación de gravidez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.

E como indica a Consellería do Medio Rural, non é correcto denominalo can do gando, can das vacas, can da casa, can lobo ou lobeiro: “É o can de granxa por antonomasia, que existiu dende sempre en Galicia; recibe o nome de can de palleiro en alusión ao palleiro onde adoita durmir”.

Os seus antecesores atópanse nos cans que acompañaron os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de invasións (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a vertente atlántica noroccidental da península ibérica, e comparte orixe co pastor belga, o alemán ou o holandés.

O Club de Raza Can de Palleiro continúa buscando animais que respondan o prototipo racial de can de palleiro para o seu rexistro, así como organizar cursos de formación de xuíces especialistas, que serán os encargados de valorar a inclusión no libro xenealóxico e determinar os animais aptos para reprodución.

Ademais, deberán facilitar información aos criadores sobre as cruces máis adecuados e supervisalos “sempre que sexa posible” en aras de que se dean os menores índices de consanguinidade posibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta