O BNG pide incrementar as pensións mínimas e denuncia "novos recortes"

O deputado Néstor Rego lembra que Galicia ten as segundas pensións máis baixas do Estado.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/11/2021 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama, no marco do debate de orzamentos do Estado, incrementar as pensións mínimas para equiparalas ao salario mínimo interprofesional, como "única maneira de ir reducindo as fendas de xénero e territoriais.

O portavoz parlamentario do BNG, Néstor Rego, durante unha votación nunha sesión plenaria do Congreso, a 30 de setembro de 2021, en Madrid
O portavoz parlamentario do BNG, Néstor Rego, durante unha votación nunha sesión plenaria do Congreso, a 30 de setembro de 2021, en Madrid | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

O deputado nacionalista lembra que Galicia ten as segundas pensións máis baixas do Estado, á marxe de lanzar advertencias contra os "novos recortes anunciados" polo Executivo central.

Para o BNG, os orzamentos do Estado quedáronse "curtos en canto a políticas sociais" e, particularmente, en relación ás pensións.

O deputado do BNG considera "lóxico" garantir o poder adquisitivo conforme ao IPC, pero advirte que "simulataneamente, é imprescindible aumentar as pensións mínimas para situalas á par que o SMI" e, progresivamente, ir aumentado ambos ata o 60 por cento do salario medio, tal e como establece a Carta Social Europea.

Este aumento contribuiría a superar "as fendas existentes". Por unha banda, a fenda de xénero que existe en todo o Estado, posto as mulleres cobran en maior porcentaxe a pensión mínima e, por outra banda, a fenda territorial.

"Galicia ten as segundas pensións máis baixas do Estado. Ourense é a provincia que posúe as máis baixas, pouco por enriba de 800 euros, é dicir, máis de 500 euros menos que a media de Madrid ou máis de 600 euros menos que a media provincial máis alta", pon como exemplo Rego.

O deputado do Bloque alerta, así mesmo, de "novos recortes". "Non só non reverte, senón que se consolidan os aspectos máis lesivos das reformas anteriores: aumento da idade de xubilación ata os 67 anos, e do período de cálculo, de 15 a 25 anos. Agora anuncian novos recortes ao aumentar o período de cálculo a 35 anos, o que suporá unha baixada de entre 6 e 10 por cento, unha medida antisocial totalmente inasumible", remarcou.

Os nacionalistas esixen "pensións dignas" e, por iso, reclaman que se "revertan os recortes nas pensións aplicados en 2011 e 2013" e que sexan "freados os previstos na nova reforma, para avanzar nun sistema de pensións xusto e de futuro".

Entre as reivindicacións, a formación nacionalista pide recuperar a xubilación aos 65 anos, reducir o período de cálculo aos 10 anos e favorecer a xubilación anticipada con 40 anos de cotización sen que exista penalización, mesmo coa mirada posta nos 35 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta