Trasladada unha muller e dous menores con síntomas de inhalación de gas por un posible escape na súa vivenda

Evacuado un home tras o incendio dun cadro eléctrico nun domicilio en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/11/2021 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

Tres persoas, unha muller e dous menores, foron trasladadas con síntomas de inhalación de gas por mor dun posible escape na madrugada deste martes na súa casa no termo municipal de Verín.

Segundo informou o 112 Galicia, tres persoas presentaban síntomas de inhalación de gas debido a un posible escape na súa vivenda poucos minutos antes das 2,00 horas deste martes.

Foron os servizos sanitarios os que alertaron ao 112 Galicia, ao que indicaron o traslado de tres familiares que presentaban síntomas de inhalación de gas nun domicilio da Avenida de Castela.

Con eses datos, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) avisaron aos Bombeiros da localidade, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil e á empresa subministradora do gas.

Ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia de soporte vital básico que levou ao Hospital de Verín a unha muller de 44 anos e a dous menores, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.No punto do incidente, a dotación de bombeiros confirmoulle ao 112 que, despois de facer as comprobacións necesarias na casa, a situación quedou segura.

INCENDIO EN SANTIAGO

Por outra banda, foi trasladado un home en Santiago de Compostela debido a un incendio declarado no interior dunha casa do lugar de Ardagán, en Marrozos. Sobre as 22,00 horas deste pasado luns un particular contactou co 112 Galicia para alertar de que ardía unha habitación da súa vivenda e de que tiña queimaduras nas mans.

Por iso, por parte do CIAE-112 informouse os Bombeiros, a Protección Civil e á Policía Nacional e Local da cidade, xunto aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á persoa afectada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

En concreto, acudiu ao momento unha ambulancia de soporte vital básico que levou ao home J.F.M.C., de 54 anos de idade, ao Hospital Clínico, apuntaron fontes sanitarias.
Finalmente, os Bombeiros de Santiago confirmaron que o lume afectou a un cadro eléctrico.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112 | Fonte: EP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta