O Sergas adxudica 800 novas prazas ante as críticas á saturación da Atención Primaria

Case 700 dos novos traballadores teñen como destino o ámbito da Atención Primaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde conclúe o proceso de concurso de traslados aberto e permanente de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos coa adxudicación de praza a 861 profesionais de entre os 6.121 destinos ofertados.

Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa, por niveis de titulación, adxudícanse 252 destinos de persoal licenciado sanitario, 395 de persoal diplomado sanitario, 89 de persoal sanitario de formación profesional e 125 de persoal de xestión e servizos.

Sanidade destaca que a categoría con máis adxudicacións foi a de Enfermaría, con 365 destinos adxudicados; seguida de Médico de Familia, con 174; técnico de coidados auxiliares de enfermaría, con 59; e persoal de servizos xerais, con 57. Do total, 51 profesionais proceden de fóra de Galicia, dos cales 12 corresponden á categoría de técnico en coidados auxiliares de Enfermaría e 11 a Enfermaría. Ademais, resalta Sanidade que o 76,98 por cento son mulleres.

Do total de profesionais que logran destino neste concurso, o 99,42 por cento obtén o seleccionado como a súa primeira opción, puntualiza a Consellería. Por áreas sanitarias, as de Vigo, A Coruña-Cee e Santiago-Barbanza destacan como as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 176, 169 e 143, respectivamente. Ademais, do total de adxudicacións neste concurso de traslados, 668 teñen como destino o ámbito da Atención Primaria, 168 son para Atención Hospitalaria e 25 para entidades adscritas --061, ADOS, Galaria e outros--.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,visita a unidade de neonatoloxía do Hospital Materno Infantil. SERGAS
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,visita a unidade de neonatoloxía do Hospital Materno Infantil. SERGAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta