O Parlamento de Galicia comprométese coa infancia: investir en saúde mental, escoitala e asegurar os seus dereitos

Tamén busca garantir un uso "seguro, responsable e crítico" da tecnoloxía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia manifestou este martes o seu apoio á infancia e, por iso, comprometeuse a "pór no centro da acción política os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes", así como a que se invista en saúde mental e garantir un uso "seguro, responsable e crítico" da tecnoloxía.

O Parlamento de Galicia comprométese cos dereitos da infancia e adolescentes
O Parlamento de Galicia comprométese cos dereitos da infancia e adolescentes | Fonte: Europa Press

Nunha declaración institucional, o Parlamento de Galicia "únese a Unicef na celebración do Día Mundial da Infancia", un día "para lembrar que aínda hai "retos pendentes de alcanzar na comunidade para que os dereitos da infancia sexan unha realidade".

Así, recoñece os "múltiples desafíos" aos que se enfronta este colectivo, como son "a pobreza, a crise climática, as desigualdades, as consecuencias da covid-19". "Desafíos que comprometen o seu nivel de benestar hoxe, pero tamén as súas oportunidades de desenvolvemento e supervivencia no futuro", sinala.

"Avogamos por unha visión en que o máis local e o global vaian da man na procura de solucións". indica.

Así as cousas, o Parlamento de Galicia comprométese a "pór no centro da acción política os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes con estratexias e recursos a longo prazo para conseguir resultados tanxibles, tendo en conta a infancia e a adolescencia en todas as decisións, tanto na resposta ás crises como na recuperación, no marco dos principios reitores da convención sobre dereitos da infancia".

"Investir en saúde mental: a covid-19 contribuíu ao preocupante aumento dos trastornos de saúde mental entre nenos, nenas e adolescentes, polo que incidiremos, co Goberno galego, na necesidade de proporcionar máis atención a este problema destinando os recursos necesarios, especialmente para os máis vulnerables", segue a declaración.

O texto tamén inclúe como obxectivo "garantir o uso seguro, responsable e crítico da tecnoloxía". "Tras a pandemia e coa chegada da educación a distancia, apreciouse un aumento das competencias dixitais de nenos, nenas e adolescentes, pero tamén riscos", recoñece.

Outro dos aspectos que o Parlamento aposta por reforzar é a escoita "real e permanente" deste colectivo. "Aínda que se están dando avances na participación da infancia e adolescencia, incidiremos en fortalecer no mecanismo de escoita real, activa e permanente, tamén no ámbito parlamentario", recolle.

A crise climática é o quinto punto desta declaración. "O cambio climático é un dos maiores desafíos aos que se enfronta a humanidade. Comprometémonos a promover a redución de emisións CO2, aumentar o investimento na adaptación ao cambio climático, impulsar unha mobilidade activa e sustentable, promover a educación ambiental e garantir unha recuperación verde da covid-19".

Finalmente, a declaración institucional felicita a Unicef polo seu 75 aniversario, polo seu "incansable traballo para chegar aos nenos e nenas máis vulnerables, co obxectivo de que cada neno goce da súa infancia e teñan unha oportunidade xusta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta