Feijóo rexeita unha reforma do Estatuto de Autonomía: "isto non é a URSS"

O presidente galego asegura que o BNG "nunca" terá maioría absoluta en Galicia pouco antes de manter un tenso enfrontamento con Ana Pontón, á que volveu acusar de "independentista". "Cada vez son máis os galegos que o ven como un lastre", respondeulle a voceira do Bloque.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou impulsar unha reforma do Estatuto de Autonomía porque non quere "embarcar a Galicia" no que considera "unha viaxe a ningunha parte" e, ademais, non o ve como "un problema" que se atope na listaxe das cuestións que preocupan aos galegos, como reflicten, dixo, recentes enquisas.

En fronte, o presidente galego reivindicou a utilidade de acordos como o que pechou en Santiago con outros setes presidentes en defensa dun financiamento máis solidario e remarcou o "estraño" que resulta que sexa capaz de pactar máis cuestións con mandatarios de fóra de Galicia e doutros partidos que dentro do Parlamento.

Así o trasladou na sesión de control celebrada este mércores na Cámara autonómica, onde o portavoz parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, reivindicou o "compromiso galeguista" do PSdeG e defendeu que, unha vez se pechen "as últimas páxinas" da pandemia, sería conveniente "abrir unha nova etapa na autonomía" coa reforma estatutaria.

E para logralo, Caballero instou ao PPdeG, con Feijóo á fronte, a "separarse de Abascal e Ayuso", e tamén apuntou ao Bloque, a quen suxeriu que mostrar a súa vontade de consenso contribuiría a "demostrar que é o BNG do si", como propugna publicamente. Feijóo pechou a porta a calquera paso neste sentido. "Non imos embarcar Galicia nunha viaxe a ningunha parte", sentenciou, antes de argumentar que, para emprender un proceso deste tipo, é preciso "saber quen son os compañeiros de viaxe" e, neste momento, non ve a conxuntura adecuada, ademais de considerar que unha reforma estatutaria "non forma parte dos problemas cotiáns, inmediatos e urxentes" dos galegos.

A URSS E ESPAÑA

E en canto ao BNG, ironizou con que igual Caballero non é "un intérprete" certeiro ao apuntar ao seu xiro cara a "o si". Lembrou que, no último intento de reformar o Estatuto, cando el estaba na oposición e gobernaba o bipartito, non se puido "pasar do preámbulo" na negociación. "E iso que entón se conformaban coa nación, agora piden unha República de Galiza", esgrimiu o presidente galego.

Feijóo, no pleno do Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Feijóo, no pleno do Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

Na súa quenda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que ao PPdeG "non lle guste o que votan" os galegos e cuestionou a súa visión da democracia, ao que Feijóo replicoulle que "lle gusta tanto" que "nunca" deron "o goberno" ao BNG. De feito, aínda que "descoñece" que pasará nos próximos 40 anos, augurou que os nacionalistas non terán "nunca" maioría absoluta en Galicia porque os seus cidadáns "coñecen ben" ao Bloque.

ENFRONTAMENTO ENTRE FEIJÓO E PONTÓN

Pouco despois  portavoz do BNG, Ana Pontón, advertiu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que cada vez máis galegos "saen á rúa" para protestar contra el e as súas políticas; ao que o titular da Xunta respondeu que o Bloque debería "escoitar a todos e non só ao seu círculo ou ao seu sindicato de cabeceira", á vez que lle retou a que o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, vote non aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) no canto de absterse.

Pero Feijóo tamén aproveitou a súa intervención para subliñar e afear o "independentismo" do BNG, nun escenario no que a formación nacionalista reivindica a súa postura soberanista. E botou en cara a Pontón que o Bloque "participase" na marcha "pola independencia" convocada por EH Bildu o pasado fin de semana en Bilbao. "Non sei que parte da cidadanía galega pediu ao Bloque ir a esa manifestación con Bildu", esgrimiu.

Nesta conxuntura, a dirixente nacionalista recalcou que "cada vez son máis" os galegos que ven a Feijóo "como un lastre, alguén que lonxe de dar solucións, simplemente busca culpables". "Dinllo cando se mobilizan en defensa da sanidade pública, na Mariña, os produtores que saen a reclamar prezos xustos para vivir do seu traballo ou as mulleres que volverán encher as rúas contra as violencias machistas", advertiu.

"Por iso, permítame un consello: saia do Matrix de Monte Pío, pise a realidade, escoite á cidadanía e achegar solucións", demandou, e advertiu, o primeiro paso, é deixar de actuar como "o delegado do PP máis ultra da historia". "Non vaia ser que lle pase como a Pablo Casado e termine nunha misa rezando a Franco", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta