Galicia podería contar cun centro especializado en mozos con problemas de saúde mental

O Parlamento apoia unanimemente unha proposta do PP pero con críticas á xestión sanitaria da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2021 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Todos os grupos da Cámara apoiaron este mércores unha iniciativa do PPdeG que pedía instar á Xunta a adoptar as medidas necesarias para abrir un centro residencial que cubra as necesidades de atención que requiren os menores en situación de dificultade e con problemas de conduta.

A iniciativa foi defendida polo deputado popular Alberto Pazos, quen apuntou que a idea é impulsalo no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas pero lamentou que se estean atopando con "certa resistencia" por parte do Concello. Así, sostivo que, "en aras da confrontación partidista", o Consistorio "está a alimentar unha polémica artificial utilizando expresións moi pouco respectuosas para os potenciais usuarios deste centro".

"Queremos impulsar o primeiro centro de protección de Galicia especializado na atención de mozos con trastornos de saúde mental, un servizo do que, na actualidade, só dispoñen cidades como Madrid e Barcelona e que debería ser un motivo de orgullo non só para Pontecaldelas, senón para a provincia de Pontevedra e Galicia enteira".

O parlamentario do PPdeG sinalou que a Xunta levará a cabo esta iniciativa "aproveitando un espazo público de valor histórico, como é a Casa de Quintán, cedida pola Fundación Sálvora". Ademais, afirmou que este novo centro especializado xerará máis de 20 empregos cualificados directos e suporá un impulso na actividade no municipio tanto a nivel educativo como comercial.

A OPOSICIÓN APOIA A INICIATIVA

A iniciativa contou co apoio tanto do BNG como do PSdeG, formacións que, con todo, discreparon coa política da Xunta na materia. Así, a parlamentaria nacionalista Olalla Rodil afeou ao PPdeG as "deficiencias" existentes nestes servizos a pesar de que o Partido Popular "leva 12 anos gobernando na Xunta". A nacionalista puxo como exemplo diso o feito de que o centro Montealegre de Ourense estivese "pechado entre os anos 2012 e 2018". "Despois dun enorme esforzo económico acabou xestionado por unha entidade privada", indicou.

Ademais, presentou unha emenda para que a Xunta negocie coa Deputación de Pontevedra que o Centro Príncipe Felipe pase a formar parte da rede da Xunta, unha petición que foi rexeitada polo PPdeG ao argumentar que hai un acordo entre ambas as institucións para atender o servizo ata 2022. Pola súa banda, a deputada do PSdeG Mariña Ortega preguntou ao Partido Popular sobre se a xestión deste centro de Pontecaldelas será "pública ou privada". "Que a Xunta se poña as pilas e asuma a xestión directa de todos os centros", reclamou. Así mesmo, defendeu a "optimización dos recursos" para ofrecer a estes menores "a verdadeira igualdade de oportunidades".

Celebración do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Celebración do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta