A Xunta "reforza" os xulgados de violencia de xénero, pero lembra que as competencias para crealos son estatais

A conselleria María Jesús Lorenzana di que o Goberno galego non pode "crear" tribunais novos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/11/2021 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A conselleria de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asegurou este mércores que o Goberno galego traballa para "reforzar" os xulgados de violencia de xénero, pero lembrou que non pode "crear" tribunais novos, posto que as competencias nesa materia son estatais.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Durante o pleno do Parlamento de Galicia, en resposta a unha cuestión do grupo socialista sobre o "colapso" dos xulgados especializados en violencia de xénero, así como dos de instrución ou 1ª instancia encargados destes temas, Lorenzana recalcou que as competencias en xustiza "son do Goberno estatal do PSOE" e que a organización, tal e como está establecida, recóllese nunha lei estatal.

Ademais, recalcou que a ampliación dos xulgados de violencia de xénero está no acordo de investidura asinado polo BNG. "Demandan á Xunta que faga algo que non pode facer, onde non ten competencia. Non podemos crear xulgados novos", aseverou Lorenzana.

Máis aló da creación de novos tribunais, o grupo socialista instou á Xunta a dotar de máis persoal aos xulgados xa existentes e a formar os traballadores en materia de igualdade, "moi necesario no ámbito xudicial". O PSdeG achegou ademais algún dato, como os 265 procedementos aínda pendentes no xulgado da Coruña ou que o 80% das mulleres asasinadas non chegaron a denunciar, o que demostra "que non confían na xustiza".

A este respecto, Lorenzana detallou algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta para reforzar o sistema, como é a atención nos centros da muller, a asistencia en liña, os convenios coas sociedades de psicoloxía e de traballo social de Galicia, a personación da propia Xunta de Galicia nalgúns dos procedementos desde 2013 ou a asistencia xurídica gratuíta.

Tamén destacou o oito reforzos no sete xulgados de violencia de xénero, a prolongación das xornadas ou o Plan Global de Reforzo, "agora mesmo en mans do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", que debe trasladar ao Ministerio de Xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta